Opinión

A la e o lyocell

Hai un ano que un dos xornais subvencionados pola Xunta recollía unha nova sobre as dificultades dos gandeiros para desfacerse da la das súas ovellas. Achegábase a época de tosquiar os animais e, se a principios do s. XXI o diñeiro obtido pola venda da la daba para pagarlle aos operarios que facían a rapa, agora tiñan, teñen, serios problemas para se desfacer dela. 

O encarecemento do transporte provocou que as empresas que a enviaban a países comercializadores deixasen de facelo. Por tanto, reducíronse os beneficios e aumentaron os gastos, pois cómpre pagar ás empresas autorizadas para retirar a la, por ser un residuo de orixe animal. Así que, como me dicía unha artesá que traballa con la de razas autóctonas, os gandeiros non saben que facer con ela, e moitos acaban enterrándoa. Velaquí o final do proceso para un tecido natural que, por riba, ten dificultades para competir coa suavidade da la procedente de Oceanía, resultado dun proceso de manipulación xenética que desembocou no aumento de enfermidades dos animais e posteriormente nunha práctica de maltrato dos años para evitar as enfermidades inducidas polos humanos coas súas prácticas (museling). 

A la ten máis utilidades cás téxtiles (poñamos a bioconstrución), mais a miña sensación como cidadá é que deste tema non se fala, ou se fala pouco. Non lembro ter oído nada na TVG.

Mais...

O que si teño oído nese medio é enlazar as novas dos beneficios de Inditex e a referencia a que cada día elaboran máis prendas con lyocell. A seguir vén o enxalzamento deste tecido semisintético (tecnicamente falando), elaborado a partir da descomposición da madeira, case exclusivamente de eucalipto, con produtos químicos. E, pinchacarneiro final, iso é o que quere producir Altri en Galiza. Xa nos puxeron o paquete enriba da mesa.

O paquete bomba, unha vez máis, degradación do medio (eucaliptización) de falsa bandeira (produción de tecidos máis sostíbeis) que nos coloniza e elimina as nosas materias primas (como a la).
Altri non!

Comentarios