Opinión

Palacios de Inverno

Aos dezaoito anos soñaba con tomar o Palacio de Inverno, máis tarde con formar parte da multitude no Largo do Carmo o 25 de abril, colocar un caravel no canón do fusil do capitán Salgueiro Maia. Neste país non houbo toma de palacios de inverno e no canto da Revolución dos Caraveis –a máis fermosa– decretouse unha transición incompleta.

É probábel que nunca tomemos o Palacio de Inverno, e debamos aspirar a obxectivos máis humildes, como mellorar a vida e os dereitos das persoas. Será posíbel, daquela, recoñecer as melloras cando se producen, agradecerllo aos políticos e políticas que as impulsan. Téndome dedicado ao pensamento crítico, lembrarei que consiste en xulgar con criterios, discriminar entre facetas boas e malas. Manter que todo é un desastre, criticar todas as medidas, todas as accións, todos os cambios, non é pensamento crítico. Porén é frecuente e até se escoita o retrouso "todos son iguais". As esquerdas non poden contribuír a navalladas nin linchamentos.

Non son iguais, Pedro Sánchez tivo a afouteza de negarse a dar o seu voto a Rajoy en 2016. Non é igual un goberno presidido por Pedro Sánchez, con Yolanda Díaz ministra, que eleva o salario mínimo de 735 a 1.260 euros, que o de Rajoy conxelándoo. Malia sombrías predicións, a reforma laboral aumentou o emprego, sobre todo indefinido, e logrou en 2023 un crecemento do 2,5%, cinco veces superior á media da zona euro. A lei de memoria democrática estatal vai lenta, mais vai, ao contrario do que ocorre nas comunidades gobernadas por PP e Vox, nas que foi derrogada. En Galicia non se pode derrogar ao non existir.

Pidamos aos socialistas políticas máis ambiciosas no social, no internacional, en desmontar as fábricas de andrómenas e todas as cavernas onde se cocen golpes, sexan xurídicos ou mediáticos. E aínda que continúo soñando cos palacios de inverno, envío a Pedro Sánchez un caravel vermello.

Comentarios