Opinión

O povo é quem mais ordena

Ás 00.20 do día 25 de abril de 1974 "Grândola Vila Morena", a canción que Zeca Afonso compuxo en homenaxe á Sociedade Musical Fraternidade Operária Grandolense do Alentejo, era transmitida na Rádio Renascença como sinal para o inicio das operacións da revolución popular en Portugal. Na Galiza xa a coñeciamos: fora cantada por primeira vez en público o 10 de maio de 1972 en Compostela.

Naquela mañá do 25 de abril de hai 50 anos, unha moza, Celeste Caeiro, cunha cesta chea de caraveis do restaurante onde traballaba, achegouse á praza do Rossio e alí ofrece un caravel vermello a un soldado que o pon na boca do seu fusil. Os demais soldados imitárono e conforme avanzaba o día as rúas íanse enchendo de caraveis, que darán nome ao movemento popular.
Festexamos, portuguesas e galegas, neste día, os valores de abril, unha data chea de simbolismo e que é o comezo dun proceso que convertería Portugal, durante moitos meses, no país das liberdades.

Comezaba unha epopea capaz de acabar coas guerras colonialistas, inxustas e bárbaras e estaba a agromar un momento de optimismo e esperanza... onde o poder estaba no pobo, na organización popular, na conquista dos dereitos sociais que antes foran roubados. Iniciábase nese día un proceso de ruptura co réxime anterior. As colonias africanas conseguen a independencia e non tiveron que padecer, como o Sahara, ser vendidas ao seu inimigo. 

Ese cambio histórico no país veciño foi impulso e forza para a sociedade galega: había moito que aprender para acabar coa ditadura franquista, para que o poder do pobo, a mobilización social e a resposta popular fose a que preparase o camiño, para que a organización e a conciencia nacional e de clase puidese crear unha nova sociedade. Logo, en Portugal, non todo puido ser como se soñou e no Estado español, a Transición enguliu a imprescindible ruptura coa ditadura franquista con efectos devastadores para conseguir unha democracia avanzada. Mais hoxe toca só lembrar e reivindicar os valores da Revolución dos Cravos.

Comentarios