Opinión

Libro(s) e lingua(s)

Deixamos atrás a semana do Día do Libro na que se intensifica o gozo de compartir os libros. No meu caso vinme acompañada nunha visita ao IES Ribeira do Louro do Porriño polo delegado do Goberno en Pontevedra, na Biblioteca de Estudos Locais da Coruña polo concelleiro de Cultura e na Feira do Libro de Compostela asistín á presentación do libro Alma de violino de Beatriz Maceda, Eli Ríos e ilustrado por Laura Suárez sobre Luísa Villalta no que actuou de presentadora a alcaldesa Sanmartín. Nos tres casos, estas persoas (o caso de Sanmartín dun xeito destacado) non fixeron acto de presenza e marcharon, senón que participaron plenamente dos eventos. Contrasta esta actitude en demasía coa dos políticos que teñen no caso de Galicia a maior responsabilidade sobre a lingua e a cultura, é dicir, os da Xunta.

As circunstancias nas que se escriben, publican e len os libros en galego claman por un apoio institucional que aquí sabemos que é practicamente inexistente: abonda ver a relación nula que a Goberno da Xunta mantén co sector, que substitúe con relacións persoais de tipo máis ben clientelar, no canto de cun programa sólido e consensuado para impulsar, antes de nada, a lingua, e logo para coordinar todos os axentes implicados na tarefa colectiva da lectura co fin de equilibrar unha situación de partida totalmente desigual cos libros que se editan en castelán.

En ausencia disto, malia a calidade innegable do traballo creativo, os esforzos de moitas editoriais por producir libros e relacións de calidade, a motivación de docentes e mediadoras de todo tipo, acabamos observando con tristeza como en moitos centros de ensino a rapazada é incapaz de formular unha pregunta básica en galego ou como nas feiras do libro o peso social e mediático das obras en castelán, con frecuencia escritas por autorías de orixe galega, acaban acaparando unha atención que comparativamente debería preocuparnos. Porque non sentir como nosa a escrita en galego e ir buscar contidos sobre feminismos, ecoloxía ou dereitos LGBTQ+ en castelán ao final segue afianzando a idea de que o "avanzado" e a identidade desexada (mesmo a idea da "boa literatura", que vendo moito do que se publica en castelán... sen comentarios) só se pode conseguir no idioma hexemónico. Cando, en realidade, a única reflexión en profundidade sobre calquera desigualdade non pode empezar por ningún outro lugar que non sexa a creación en lingua galega.

Comentarios