Opinión

Dereitos humanos, campo abonado para a confusión e a propaganda

Hai uns días, a Unión Europea condenaba oficialmente a represión dunha manifestación pro-occidental na Xeorxia, ex soviética. Ao mesmo tempo a policía cargaba contra manifestantes pro-palestinos en Francia e Alemaña, tamén nos Estados Unidos, sen que oficialmente as autoridades deses países dixesen nada, máis alá de xustificar a actuación policial.

Esta dobre vara de medir é practicada porén, en maior ou menor medida, por case todos os Estados. En cambio, se nos preguntasen individualmente, creo que a inmensa maioría das persoas estariamos en contra de calquera xénero de represión e a favor das liberdades. De onde parte entón esta confusión e este uso tan esaxeradamente propagandístico dos dereitos humanos?

O primeiro problema nace da súa concepción abstracta e universal. Considerámolos parte do dereito natural, algo que simplemente nos corresponde por ser persoas. Non obstante, esta definición suscita dúbidas ou, mellor, digamos que lle falta concreción. Os dereitos humanos nacen coa revolución francesa. E aínda que os propios lexisladores consideraban que se limitaban a poñer en normas un dereito natural preexistente, en realidade estaban formulando xuridicamente algo completamente novo.

Na práctica, o exercicio dos dereitos humanos dependeu –e depende– do lugar e do momento. Primeiro foille recoñecido aos naturais dos países máis ricos, se eran propietarios, varóns e devotos da relixión imperante. Pouco a pouco foise estendendo a novos territorios, aos servos, ás mulleres, aos xudeus, etc. Aínda, hoxe en día, o Estado de Israel non considera que os palestinos posúan tales dereitos. Chámalles terroristas, incluso cando se trata de nenos ou anciáns. Pero, no fondo, recórdanos que tamén os traballadores, igual que os negros ou os ciganos, foron considerados, durante moito tempo, inferiores e, dalgún modo, sospeitosos.

Pero, hai outros dous factores importantes. En Occidente fálase de dereitos humanos para referirse, sobre todo, aínda que non só, á liberdade de expresión, esquecendo que, para o resto do mundo, unha persoa necesita antes alimento, despois vivenda e logo seguridade, saúde e educación. A liberdade de expresión só se comeza a ver necesaria alí cando as anteriores están satisfeitas. Polo tanto, criticar un Estado, porque non hai eleccións ou prensa libre, resulta incomprensíbel en moitos países, se non se pregunta antes se teñen cubertas as necesidades básicas.

Por último, a liberdade que adoita conceder un Estado, con independencia da súa ideoloxía, é directamente proporcional ao seu grado de seguridade. Un Estado que se sinte seguro deixa máis marxe aos cidadáns e protexe os dereitos individuais. Pero basta unha convulsión para que as liberdades se limiten, como vimos aquí coa lei mordaza, ou como estamos a ver en case todo Occidente desde que se iniciou a crise.

Comentarios