Opinión

A revolución dos caraveis: exército e povo toman as rúas e o poder

A Revolución de abril foi un berro de liberdade, que hai medio século escoitouse moi forte desta banda do Miño, na Galiza, xa que deu folgos aos partidos políticos e organizacións sociais que loitaban dende a clandestinidade contra a ditadura franquista. Ademais, despois da represión sobre o nacionalismo en agosto de 1975, algúns militantes cruzaron a fronteira e na súa residencia temporal en Portugal recolleron experiencias que contribuíron ao desenvolvemento posterior do movemento político e social na nación galega.

Antes do 25 de abril falar de Portugal era falar de fascismo, de miseria, de represión, de colonialismo, de guerra. Noutros países falábase do povo portugués como se non puidese xamais, polas súas propias forzas, ceibarse dunha tiranía que duraba xa case que medio século. Para os observadores incrédulos á información das forzas progresistas  portuguesas, a liberación do povo portugués dependía necesariamente de factores externos.

Mais o réxime fascista portugués xa se debatía en contradicións e dificultades, entrara nunha profunda crise interna. Ao mesmo tempo que as forzas revolucionarias, nomeadamente o Partido Comunista Portugués, trabaran unha loita teimosa que nos últimos anos collera pulo na clase traballadora e outros sectores populares, e acadaba corpo no seo dos máis sólidos piares do fascismo e do colonialismo: as forzas armadas.

“Despois do 25 de abril falar de Portugal non é falar dun país que marcha na retagarda do desenvolvemento social e político. Falar da Revolución Portuguesa, falar do povo e dos militares, dos traballadores e dos comunistas, que, ante a sorpresa do mundo, se amosaran tan decididos a construír na súa patria, un país da Europa occidental, unha nova sociedade, democrática e ceibe, camiño do socialismo (1976, Álvaro Cuñal,  “A Revolución Portuguesa”)”.

Primeiros pasos da Revolución

O 16 de marzo, Carvallo e Varela oficiais ex-milicianos, xunto cos maiores Casanova Ferreira e Manuel Monge, do Rexemento de Caldas da Raíña saen para ocupar o aeroporto de Lisboa, nembargantes esta acción non foi secundada polos demais rexementos comprometidos, e foron obrigados a renderse. O 25 de abril facíase un novo intento. Saian de Santarém, da Escola Practica de Cavaleria 25 tanques baixo o mando do capitán Salgueiro Maia, que ocuparía o Torreiro do Pazo, no centro de Lisboa, onde estaban o ministerios, o Banco de Portugal e radio Marconi. Previamente radio Clube Portugués emitía para todo o país a primeira estrofa de “Grandola Vila Morena”, de Zeca Afonso, era a sinal para que encetara a Revolución. Que desta vez seria un éxito.

Vasco Gonzalves, daquela coronel, foi nomeado o 17 de xullo de 1974 por Spinola, que era xefe de Estado, para encabezar o 2º Governo Provisorio despois de que dimitise Adelino de Palma Carlos, que non contaba co respaldo do Movemento das Forzas Armadas nen do movemento sindical e fora imposto por Spinola. Este foi un governo que durou pouco tempo, até o 30 de setembro do mesmo  ano cando o xeneral Spinola debe dimitir despois de fracasar no seu intento de acaparar todos os poderes co apoio dos partidos da dereita. Durante o 2º Governo Provisorio  houbo un gran avance democrático en Portugal: fixáronse as garantías do dereito de reunión, de folga; aumentáronse as pensións e salarios aos empregados públicos; nacionalizouse o Banco de Portugal, de Angola e Ultramarino; recoñeceuse a independencia de Guinea Bissau; establecéronse relacións diplomáticas cos estados socialistas...

Spinola, dende o seu posto de xefe de Estado alentaba aos sectores da dereita que organizaron para o 28 de setembro unha gran manifestación silenciosa, que dera abeiro a un golpe de estado. Un día antes Spinola forzou a dimisión tanto de Vasco Gonzalves   como de Otelo Saraiva de Carvallo, xefe este último do Comando Operacional do  Continente (COPCON), e aos que retén. Porén a resposta do movemento das forzas armadas e dos traballadores, que cortaron o paso á marcha silenciosa sobre a capital en todo o país, forzou a que o día 28 pola mañá Spinola renunciase.

A Revolución asume o poder

O Terceiro Governo Provisorio durará dende o 30 de setembro de 1974 ate o 26 de marzo de 1975, medio ano durante o cal vanse a producir algúns dos maiores logros de toda esta etapa revolucionaria, unha vez que os sectores ligados á dereita ficaran á marxe da xefatura de governo que seria ocupada por Costa Gomes.

Entre as medidas que podemos salientar do 3º governo provisorio están: o dereito de asociación e de actividade dos partidos políticos; a lei de   prensa; a lei electoral e preparar as eleccións para a Asemblea Constituínte; aprobou medidas de protección dos rendeiros; proseguiu a descolonización e asinou un protocolo sobre a independencia de Santo Tome e Príncipe; criouse o Consello de Revolución, que decidiu a nacionalización de bancos e compañías de seguros...

Agora ben, este pulo revolucionario está ameazado (tal como Moises Cayetano Rosado e Moises  Cayetano Rodríguez salientan no libro Abril 25: o sono domesticado). “Crece o número de partidos de esquerda e de extrema esquerda, en tanto se intenta o reforzo da unidade sindical, na que pon todo o seu empeño o PCP, enfrontándose por elo ao PSP e PPD, que desexan un maior abano sindical. Este será o primeiro punto grave de desacordo entre  os socialistas e PCP”.  A Intersindical e o MFA (Movemento das Forzas Armadas) póñense do lado dos comunistas e o 21 de xaneiro aproban a lei de unidade sindical, que estivo ao borde de provocar a dimisión dos ministros do PSP e PSD, só lles retivo a aprobación ese mesmo día da data para as eleccións da Constituinte o 12 de abril de 1975; nos lles interesaba ficar fóra do Governo a menos de tres meses do proceso electoral.

O 9 de febreiro efectuase unha concentración de traballadores agrícolas do sur e outra vez vence o PCP que consigue liderar o proceso. As dúas peticións máis importantes serán: rematar cos latifundios e entrega das terras a quen realmente as traballa.

O dobre conflito está servido: conservadores contra progresistas, socialistas contra comunistas. O primeiro, porque a liña que se sigue vai cara un marcado socialismo revolucionario, unha democracia popular que se afasta do modelo burgués occidental; o segundo, porque o PSP fica desbordado pola actividade de governo e na rúa do aparello e da militancia do PCP. Así, este ficaba como cabeza dun proceso revolucionario que  alarmaba as potencias occidentais.

... O brazo executor dunha nova intentona involucionista ían ser outra vez os militares incondicionais do agora retirado xeneral Spinola, que máis unha vez esperaba na sombra.

Porén o 11 de marzo, este golpe militar é neutralizado polos militares máis activos do MFA, salientando na acción o coronel Varela Gomes, da 5º división; era un dos militares máis comprometidos e combativos contra o fascismo... o xeneral Spinola fuxe con dirección a España...

A partir desa data as cousas fican máis clarificadas... as forzas progresistas do MFA toman o control do Exército, e o PCP da pulo coa súa acción ás transformacións sociais máis profundas:  nacionalizacións e reforma agraria”.

O día 26 de marzo constituíuse o 4º Governo Provisorio que consumaría a independencia de Mozambique, de Santo Tome e Príncipe, e de Cavo Verde. O Consello da Revolución, agora cunha maioría dos seus vinte e nove membros de tendencia gonzalvista, pasaría a dirixir a vida militar e política, ficando os sectores moderados e otelistas en  minoría. Durante este governo nacionalizouse a siderurxia, as compañías de navegación e transportes por estrada, a TAP, o metro, estaleiros, enerxía eléctrica, o petróleo, o cimento, as celulosas, etc. O 7 de abril a asemblea do MFA declarou o carácter socialista da Revolución Portuguesa.

4º e 5º Governo Provisorio

O 4º Governo Provisorio, tamén presidido por Vasco Gonzalves, duraría ate o 8 de agosto de 1975. A súa queda está directamente relacionada coa saída do governo do PSP despois do seu triunfo na Constituinte (25 de abril de 1975), cando acadou un 37,87% dos votos, ficando o PCP en terceiro lugar cun 12,46%. Soares que meses  antes, concretamente o 14 de marzo, nun mitin en Barreiro dicía que “a sociedade socialista só   se constrúe cos dous grandes partidos da clase obreira portuguesa: o Partido socialista e o Partido Comunista” decantábase agora por unha democracia occidental, burguesa. O PSP mobiliza esixindo a dimisión de Vasco Gonzalves, mentres os grupos económicos e a  dereita deixan facer, ollan como as forzas que sustentaban ao MFA se esnaquizan entre  elas.

O quinto Governo Provisorio tamén sería presidido por Vasco Gonzalves, só duraría un mes, ate o 12 de setembro de 1975, e contaría basicamente co apoio do PCP. Neste breve espazo de tempo continuaría coas  nacionalizacións.

O sete de agosto nove xefes militares, aos que se sumarían outros militares moderados, entre os que estaría Ramallo Eanes, fixeron público un documento no que rexeitaban o modelo de sociedade socialista tipo Europa oriental, abrindo as portas á destrución do MFA. Entre os asinantes estaba Vasco Lourenzo que agora preside a “Asociación 25 de Abril”. Costa Gomes suspende aos asinantes do Consello da Revolución o día 11 de  Agosto. O 13 do mesmo mes un documento do COPCON ataca a postura dos nove, o día  15 do mesmo mes outra declaración da Dinamizadora da Armada mantén unha actitude semellante. Porén Otelo “tras ter organizado cos gonzalvistas (5º división e a Armada) o  25 de agosto unha fronte de Unidade Revolucionaria (FUR), apoiada por toda a esquerda radical, entra en conversas cos nove, terminando por aliñarse con eles e deixando illados aos gonzalvistas, o que precipita a queda do governo” (libro ‘Abril 25: o soño domesticado’).

6ª Governo Provisorio, cambio na correlación de forzas

O 16 de setembro asume o 6º governo provisional que se manterá ate xullo do ano 1976, cando da paso ao primeiro governo constitucional presidido por Mario Soares. Este governo provisional está presidido por Piñeiro de Acevedo que, malia a súa moderación, continua coas nacionalizacións por mor da presión que hai na rúa por parte do PCP e outras forzas revolucionarias.

O enfrontamento político e social aumenta e remata o 25 de novembro, cando se decreta  a emerxencia da Rexión Militar de Lisboa. Un día antes fora disolta a Escola-base de paracaidistas de Tancos, cerne de militares revolucionarios. Unha hora despois de que fora decretado o estado de emerxencia o coronel Varela Gomes instalase no COPCON dirixindo as operacións de contraofensiva mentres que, por motivos descoñecidos, Otelo Saraiva desaparece da escena. Dous días despois remata a última resistencia, a dos paracaidistas refuxiados en Tancos. O 28 de novembro decretase orden de captura contra Varela Gomes e Duran Clemente que se exilian, mentres que Rosa Coutiño presenta súa dimisión como membro do Consello da Revolución e, pola contra, Ramallo Eanes toma posesión no mesmo, como figura  triunfante. Uns meses despois, o sexto governo provisional, ira desmontando a maioría dos logros de Revolución dos Cravos, disolve o  COPCON.

Sobre a importancia actual e o que deixa como contribución o 25 de abril o “capitán” Duran Clemente“, a última figura revolucionaria en dar a cara na televisión durante o proceso, chama   aos traballadores o 25 de novembro para que saísen á rúa a defender a Revolución ameazada. Na súa intervención recoñece as mudanzas conseguidas; que valora positivamente. Subliña a importancia das liberdades, porén non as recrea nen se detén nelas, “ollándoas aparvallado” (afirma) e fai un chamamento a seguir a loitar por unha democracia máis perfecta... “Temos que combater  o desemprego, a exclusión social, a falta de civismo, a incompetencia, o noso propio desanimo... Hai que facer a Revolución acotío participando, teimando, non dándonos por vencidos.... Usemos a liberdade para intervir no cambio, porque aínda hai moitos vinte cinco de abril por facer” (do libro: 25 de abril, o soño   domesticado).

Europa fica neste intre nunha conxuntura regresiva para as maiorías sociais e os dereitos nacionais: guerra da Ucraína+OTAN contra a Federación Rusa, avance da militarización, dos grandes grupos económicos e dos partidos de dereita e retroceso nos dereitos democráticos, que teñen cada vez un carácter máis formal. Mesmo así o futuro está por decidir, todo dependerá do papel das clases populares, de superar a fragmentación da esquerda, en definir axeitadamente os obxectivos centrais, a folla de ruta e a política de alianzas.

Comentarios