Opinión

Prazas MIR

O ano pasado escribín sobre este tema e nesta convocatoria do MIR volve repetirse a situación, só que peor: das prazas convocadas para formar novas médicas de familia, 63 ficaron baleiras en Galicia. A situación é complexa e non parece ter unha solución doada. Non vale apelar tampouco a "vocacións". Por unha banda, o certo é que estes últimos anos ampliouse de xeito moi importante a oferta formativa para Medicina de Familia e Comunitaria. Quedan vacantes, si, pero nun escenario xeral de elevada oferta, o que significa que se adxudican moitas prazas e escóllense de entre as primeiras, polo que non é unha cuestión de falta de interese. Ao mesmo tempo, este aumento da oferta, que é necesario, non se corresponde cun aumento da capacidade docente dos hospitais e centros de saúde. 

Consultorios abarrotados, sen despachos e sen equipos informáticos suficientes, colaboradoras docentes que teñen que atender varias residentes ao mesmo tempo… Non é a calidade de formación que se precisa. Por último, a situación na atención primaria é literalmente de medicina de guerra, con axendas interminables, urxencias e domicilios que ten que asumir unha mesma profesional. Ademais, moitas veces empregando o seu propio vehículo para desprazarse, cousa que non me parece un inconveniente menor nunha xeración que (por sorte) cada vez emprega menos o coche privado e que por certo, optan a un posto no que non están obrigadas por contrato a ter licenza para conducir. 

Cando titorizo alumnas de sexto curso, a piques de teren que escoller especialidade, atopo o comentario repetido de: "A min gústame Familia, pero uf… Tal e como están as cousas…". " As cousas" son as malas condicións de traballo e a case inexistente faceta comunitaria e de prevención e educación en saúde dunha especialidade que leva no seu propio nome (medicina de familia e comunitaria) esta faceta. Porén, nin chegan a ser as profesionais de referencia das familias nin exercen ningún tipo de función comunitaria. A pesar das avantaxes de destinar recursos a prevención e educación, estamos nun círculo vicioso de número de pacientes atendidos que non só non soluciona os problemas de demanda, senón que os empeora cada vez máis. Ao igual que non soluciona a carencia de profesionais. Se cadra cómpre parar e reflexionar sobre como romper o ciclo.

Comentarios