Opinión

Carrachas

Durante a carreira de Medicina había varias enfermidades que se estudaban de xeito reiterado e que nos tiñan a todas un tanto aborrecidas. Eran patoloxías infecciosas que foran moi comúns había algunhas décadas pero que ningunha de nós vira nunca nin esperaba ver ao longo da súa vida profesional. Unha desas enfermidades era a borreliose, que nos nosos temarios obsoletos figuraba como unha enfermidade propia de pastores e gandeiros. Moitas das miñas amigas tiñan familias gandeiras e tampouco coñecían de preto esta infección, que deixara de ser habitual despois das campañas de saneamento. Tampouco eran un problema as carrachas, os insectos que transmiten este tipo de infeccións. Agora todo isto cambiou a causa da elevada mobilidade e o cambio de hábitos, alén do mil veces comentado cambio climático.

Existe todo un grupo de enfermidades infecciosas que se coñecen como zoonoses, que significa que se transmiten mediante o contacto estreito con animais, que exercen como vectores dos microorganismos que as producen. A peste negra medieval é un bo exemplo de zoonose, xa que a bacteria que a produce é transmitida polas pulgas que infestan ás ratas. As carrachas tamén poden facer de vectores (é dicir, transmitir bacterias) de varias doenzas, unha delas a mencionada borreliose ou enfermidade de Lyme. A bacteria que a produce, a Borrelia, maniféstase nun primeiro momento como unha zona vermella e quente no lugar onde recibimos a picada da carracha. En ocasións, posterioremente pode aparecer infección xeralizada con síntomas parecidos aos dunha gripe, como dores musculares, febre e malestar xeral. O cadro máis grave é a potencial afectación neurolóxica, que pode producir meninxites. Require tratamento con antibióticos e aínda así pode converterse nun cadro crónico. Outro cadro máis grave transmitido polas carrachas é o virus Crimea-Congo, que aínda non se diagnosticou en Galiza, pero si se detectou a especie concreta de artrópodo que a produce. 

Na actualidade, xa non se trata de enfermidades relacionadas coa gandería e o pastoreo, senón que as persoas con máis risco de contraelas son sendeiristas e deportistas ao aire libre dado que son os animais en estado salvaxe e non os domésticos os que poden estar infectados. Se practicas estas actividades e recibes unha picada, acode canto antes ao teu centro de saúde para previr complicacións. 

Comentarios