Opinión

Un berro en moitas linguas

[Alberte Mera]

A loita polo traballo digno, salarios xustos e tempo persoal, para o descanso e a vida propia, seguen a ser reclamacións que dan a volta ao mundo. O Primeiro de Maio, Día Internacional da Clase Traballadora, xirou na xornada de onte, máis un ano, desde a Galiza ao redor do planeta ao mesmo berro, no que o dereito á vida en Palestina tamén foi protagonista como mostra da solidariedade histórica do movemento obreiro nun mundo en que, ao ano, dio a OIT, falecen uns tres millóns de persoas por accidentes e enfermidades laborais. E cada reivindicación está asentada en cada pobo e na súa lingua propia, con símbolos e letras de seu, como recordou Nós Diario esta mesma semana na entrevista a Henrique Harguindey, tradutor da Internacional, o himno da clase traballadora, desde a versión orixinal do francés ao galego hai xa 55 anos, en 1969, cando se encontraba en Francia. 

Na Galiza 129.000 persoas están no desemprego, unhas 15.000 traballan como falsas e falsos autónomos, só 5% das persoas que viven por baixo do limiar da pobreza reciben unha prestación social –inferior aos datos da media estatal, por certo– e 182.900 persoas –86% delas maiores de 65 anos– viven en condicións de pobreza. A letra escrita por Eugène Pottier en 1871 e traducida ao galego por Harguindey parece escrita hoxe.

Comentarios