Opinión

Fuxir

Silent night (Camille Griffin, 2021) é un filme que entretén de xeito aceptable durante hora e media. A fita posúe a virtude que adoitan ter algúns produtos mainstream: mostra graficamente as ansiedades e ideoloxemas da época. O argumento é simple: un grupo de irmáns reúnense nunha casa da campiña para pasar a noite de Nadal coas familias. O que aparentaba un compromiso acaba sendo escenario dun pacto lúgubre: os irmáns acordaran suicidarse xuntos despois de que o goberno británico alertase (nunha campaña de nome "Exit", con resonancias á pandemia e ao Brexit) da chegada dunha nube tóxica que faría decimar toda a poboación mundial entre grandes dores e de que fornecese os cidadáns dunhas cápsulas para morreren en paz. Entre os personaxes hai un neno espelido que discute coa prima se a nube é produto dos excesos da contaminación ou, como sostén ela, "dos rusos", e reprocha aos proxenitores a inacción diante da destrución dos ecosistemas mentres explicita a súa desconfianza cara ao goberno. O neno foxe da casa e regresa en estado de shock ao ver os veciños mortos. Cando os pais e os irmáns do neno están nos prolegómenos da inxestión, comproban que o rapaz, esgotado no colo da nai, semella estar morto. Os da casa engolen as pílulas e, cando dormen o soño eterno, de súpeto, o neno, coa lucidez solitaria do tolo, esperta. Aí finaliza a película.

O interese do filme consiste en abordar a única solución que hoxe se presenta como plausible a case todos os niveis: a fuxida. A fuxida individual dun sufrimento que non se pode paliar por métodos políticos. A tentación do escapismo é o día a día das sociedades entregadas ao consumo de toda a panoplia narcótica que fornece o mercado. A tentación da fuxida guía tamén o amurallamento chauvinista que vivimos e o darwinismo social que o acompaña. A tentación da fuxida está detrás da idea de regreso individual ao pasado e de toda a industria da nostalxia. A fuxida é o síntoma do cansazo e da impotencia dunhas sociedades que experimentan a política coma un territorio vedado a calquera tipo de cambio radical. En Matrix (1999) presentábase a disxuntiva entre evadirse mentres o corpo vivía unha existencia infame ou acceder á crúa verdade e resistir. A fita que nos ocupa está máis alá na visión meta: mesmo ironiza co filme The Road (2009) e as penurias dos protagonistas nun mundo postapocalíptico. No capitalismo fúnebre, como no máis escuro do feudalismo, a morte (sen deus) é a única redención imaxinable.

Comentarios