Blogue | Malalingua

Máis mentiras sobre o galego

Hai uns días nun Colexio de Procuradores nunha conversa informal estaban a criticar un xuíz por emitir sentenzas en galego. A uns procuradores déuselles por asegurar que o maxistrado percibía un incentivo económico por emitir resolucións na nosa lingua, como se non tivésemos problemas máis importantes na Administración de Xustiza, v. g. a falta de recursos humanos nos Xulgados que provoca a lentitude nos procedementos. Que conste que hai procuradoras, excelentes profesionais, que realizan o seu traballo en galego.

Os xuíces que pronuncian sentenzas en galego non só non perciben incentivos, senón que carecen de recursos para emitilas en plena igualdade que os que deciden facelo en castellano. Como levamos anos denunciando dende A Mesa pola Normalización Lingüística, queda moito traballo por facer na Administración de Xustiza para que os procedementos se poidan desenvolver integramente en galego, a comezar pola aplicación informática Minerva-NOX (Nova Oficina Xudicial) que emprega tanto os xuíces e os letrados da administración de xustiza como o persoal da oficina xudicial.

Esta aplicación informática é da autoría do Ministerio de Xustiza, mais foi cedida á Consellaría de Xustiza da Xunta de Galiza que, se quixese, podería adaptala á realidade lingüística galega introducindo formularios en galego. É unha cuestión de vontade, pero a Xunta non quere que xuíces e funcionarios poidan desenvolver as súas tarefas en galego. Actas, dilixencias de ordenación, decretos, providencias, autos e sentenzas están á súa disposición en castellano, mais ningunha en galego.

Os xuíces non cobran un plus por emitir sentenzas en galego. Tan só padecen a pretendida incompetencia dun goberno autonómico que durante anos xustificaba a súa inacción por non ter a cesión do Minerva-NOX. A Xunta de Galiza sempre actúa do mesmo xeito, botando balóns fóra ao acusar outros. Acabóuselle a escusa cando o Ministerio de Xustiza demostrou que xa cedera a aplicación informática coa faculdade de introducir modelos en galego.

Levan transcorridos moitos anos dende que D. Valentín García, Secretario Xeral de Normalización Lingüística da Xunta de Galiza, comezou a prometer aos xuíces que terán o Minerva-NOX con versión en galego de todos os documentos. Podemos afirmar que incluso houbo retrocesos, porque a anterior versión do Minerva si incluída algúns documentos en galego. Mais foron absolutamente eliminados do actual Minerva-NOX.

Os xuíces que optan por ditar resolucións en galego carecen de formularios na nosa lingua, polo que se deben esforzar para redactalas ad hoc en galego e dotarse de lexislación que non necesariamente conta con tradución oficial ao galego, porque o BOE actualmente tampouco conta con versión en galego de todas as disposicións. Os xuíces explican que redactan as sentenzas en galego nun procesador de textos calquera e que despois eles mesmos poden trasladalas manualmente ao Minerva-NOX.

Mais traducir toda a súa demais produción, como autos e providencias, suporía un colapso do seu traballo e por iso nin os máis concienciados coa lingua galega emiten estas resolucións en galego.

O mesmo sucede co funcionariado da oficina xudicial. Non dispoñen de modelos de documentos no Minerva-NOX, de forma que non se pode garantir o exercicio do artigo 9 da Carta Europea de Linguas Rexionais e Minorizadas que establece o dereito da cidadá á escolla lingüística da tramitación do procedemento.

En consecuencia, a Xunta de Galiza está vulnerando o artigo 9 da Carta Europea de Linguas Rexionais e Minorizadas en todas as xurisdicións: civil, penal, contencioso-administrativa e social.

Esta é a realidade que se vive día a día nos Xulgados galegos, a que poden afirmar todos os operadores xurídicos sen necesidade de interpretacións, porque todas sabemos que a Xunta se encarga de manter o galego ben afastado dos tribunais.

O resultado é o escaso número de sentenzas en galego que se ditan e o escaso número de procedementos que se tramitan en galego. Menos do 1%.

Esta é a realidade que lle trasladou A Mesa pola Normalización Lingüística ao Comité de Expertos que avalían o cumprimento da Carta Europea de Linguas Rexionais e Minorizadas ratificada ao máximo nivel polo Estado Español o 2 de febreiro de 2001 e publicada no BOE núm. 222 de 15 de setembro de 2001.

A Xunta só leva 22 anos de atraso na aplicación desta norma. A Mesa pola Normalización Lingüística leva outros tantos anos denunciándoo ante as instancias europeas.

Comentarios