—Por que está a morrer o marisco nas rías galegas?
O produto morre fundamentalmente pola auga doce. No mes de outubro os temporais de chuvia ocasionaron unha mortaldade de case 100% da nosa ameixa. Pero levamos varios anos detectando que as femias non van arriba. O cambio climático e o quecemento das augas, a contaminación e a alteración do substrato tampouco axudan. Nós estamos na desembocadura do río Verdugo e vemos como arrastra moitos sedimentos que fan como unha masa sobre os bancos marisqueiros. Non os deixa respirar nin permite que cando hai un bo desove a ameixa prenda. É un cúmulo de circunstancias ás que se suman tamén os depredadores, como as sousas –raias salvaxes–, que se moven en grandes bancos e acaban coa ameixa pequena.
—Cal é a situación actual dos bancos marisqueiros?
Non o sabemos. Estamos en cese de forza maior desde o mes de novembro e incorporámonos agora a mediados do mes de abril, a maioría, e algunhas en xuño. Ante esta previsión solicitamos á confraría o barco que nos traslada habitualmente á zona de traballo, para inspeccionar os fondos, e a nosa sorpresa foi que a embarcación está sen despachar e sen arranxar, o que significa que non podemos utilizala mentres a confraría non dea a orde. Por riba da baixada de produción, atopámonos coas trabas do pósito.
—Por que é importante acceder aos bancos para ver como están?
Nesta época do ano, cando comeza a calor, hai unha invasión de algas. Ese manto de algas asfixia o marisco, o pouco que hai. Urxe retirar a cría e mover o terreo, porque así fica brando e se hai un desove a ameixa pode pegar. Contra as chuvias e o cambio climático non podemos loitar, mais que teñamos que aturar os atrancos da nosa propia entidade é insólito e absurdo.
—A confraría négalles o barco ao tempo que impón un incremento das cotas anuais.
O ano pasado pagabamos unha cota de 50 euros todos os socios e este ano, de 650; nun momento no que non estamos ben. Moitas de nós non imos ser capaces de pagar, porque non gañaremos nin para o seguro, que é o que nos dá a vida. Non lle atopamos sentido ningún a esta decisión e menos aínda ás coaccións: "Se non pagas non usas o barco, se non pagas vas perder o permex [permiso de explotación para o marisqueo a pé]". A confraría está facendo unha mala xestión, está provocando que moitos socios queiran marchar e nós estamos nunha situación límite. A única solución que vemos é que entren en razón e, mentres, alzar a voz. Esta terza feira volveremos concentrarnos no peirao e a sexta feira, coincidindo coa festa da ostra de Arcade, manifestarémonos desde o centro até o porto. Queremos traballar e que nos deixen.
—No inmediato, úrxelles acceder aos bancos para favorecer as condicións do terreo e que sexa produtivo. A Xunta da Galiza está a achegar algunha solución a máis longo prazo para o conxunto das rías?
A Xunta é coñecedora. Está facendo estudos do cambio climático, do substrato, pero son longos e levan tempo, e nós non podemos esperar. Precisamos alternativas que de momento non chegan. Co cambio climático as chuvias torrenciais causan un dano tremendo nos bancos. Antes, cos temporais, o mar revolvía os fondos e iso axudaba a recuperalos, pero agora non. Algo está pasando nas rías, o que até agora servía para rexeneralas xa non funciona. Sempre pedimos ao persoal científico que se achegue, que nos diga que e como temos que facer. Estamos expectantes, tocando fondo, e necesitamos que a Administración nos axude, canto máis mellor.
Beneficiarias dos fondos Fempa
No mes de novembro, as mariscadoras de Arcade observaron unha mortaldade da ameixa de 95%. "As imaxes eran tremendas, vías as viandas flotando". Persoal técnico confirmou a desfeita e houbo que fechar.
Durante esta parada, como beneficiarias dos novos recursos do Fondo europeo marítimo, de pesca e acuicultura (Fempa), as 70 mariscadoras a pé de Arcade puideron acceder a unha compensación. Pero non todas. "Só se pode beneficiar quen teña 120 días de venda traballados en dous anos. E fanse ben cando os bancos gozan de boas condicións, mais cando atravesan dificultades pérdense moitos días, polo que para moitas de nós xa non é unha solución", asegura Rita Miguez. "Nós facemos moito máis que extraer: limpamos, sementamos, vixiamos", aclara a mariscadora ao tempo que exixe uns criterios máis flexíbeis.