Os presidentes dos catro colexios médicos da Galiza (A Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra) expresaron esta segunda feira o seu desacordo co Plan XIDE e coa sentenza do Tribunal Superior Xustiza da Galiza (TSXG) que o avala. En rolda de prensa, instaron á Consellaría de Sanidade a presentar "un traballo con validez clínica" para demostrar o correcto funcionamento deste plan, que consideran que "non cumpre as condicións éticas e deontolóxicas" e "vulnera o dereito á confidencialidade e á seguridade das pacientes".
Así se referiu ao plan de Sanidade o presidente dos colexios médicos galegos e do colexio de Lugo, Eduardo Iglesias, que tamén afirmou que o XIDE "derriba a concepción da relación médica-paciente", e que o persoal non sanitario, como o é o persoal de servizos xerais (PSX), "non debe ter a potestade para valorar e dar prioridade ás e os pacientes", e estes non deben perder a confidencialidade explicando os seus síntomas a persoal administrativo. Por iso, recorren ao Tribunal Supremo "como defensa da profesión, que fica en dúbida, e da calidade da atención".
Así, os representantes do persoal médico declararon que o problema dos centros sanitarios é a burocracia, onde si debe existir unha separación para non sobrecargar os sanitarios e as sanitarias con traballo que non lles corresponde, pero a parte médica "debe ser levada integramente por persoal sanitario".
Ademais, cren que o Plan XIDE "non reduce a carga burocrática", máis ben "auméntaa", pois o PSX, ante a dúbida, remiten as pacientes ao persoal médico. "O conselleiro de Sanidade [Julio García Comesaña] coñece a negativa ante este plan desde hai anos", afirmou Iglesias, que considera o XIDE unha triaxe que dá prioridade en relación ao que considera o persoal de servizos xerais, que "non está capacitado para resolver e determinar patoloxías médicas".
Finalmente, instaron a cidadanía que acuda a un centro de saúde a que exixa que a atenda persoal sanitario, e que non compartan os seus datos médicos con persoal administrativo.
Un plan con "ámbitos de mellora"
Preguntado sobre a decisión do Consello Galego de Colexios Médicos de recorrer ante o Supremo a sentenza que avalou a implantación do XIDE, o conselleiro de Sanidade en funcións defendeu o sistema, se ben recoñeceu que ten "ámbitos de mellora" e "non hai ferramenta perfecta".
Están "abertos a melloralo permanentemente", sinalou Comesaña. Respecto á posíbel vulneración dos dereitos de pacientes que denuncian os colexios médicos, Comesaña insistiu en que o sistema "non atenta contra a intimidade", afirmando que o programa "é unha ferramenta que mellora a situación cando un paciente vai sen cita a un centro de saúde".
O conselleiro de Sanidade en funcións cifrou a redución de "consultas forzadas nun 50%, que era o obxectivo deste sistema", polo que "está respondendo á súa demanda".