Manuel Monge: "Feixoo, Ayuso e Vox son da mesma familia"

O último libro do sociólogo e ensaísta Manuel Monge, leva por título Feijóo, biografía dun farsante (non autorizada). O propio autor preséntao como "un libro de consulta, útil para desmontar o discurso da dereita".
MONGEEEEEEEE

Que conta no libro de Núñez Feixoo que non se contase?

Sobre Núñez Feixoo hai varias biografías. Na presentación dunha delas estivo o actual presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, e tamén Ignacio Sánchez Galán, presidente de Iberdrola. Esa era a biografía oficial. A que fago eu é unha biografía “non autorizada”, unha biografía que sae dese marco oficial.

E cal é ese marco oficial?

É o marco que se difunde a través de boa parte dos medios e que ten unha intención: que Feixoo chegue á presidencia do Estado español. Este é un libro de consulta para desmontar o discurso da dereita e da ultradereita, que son a mesma familia. E tamén un libro para axudar a que non gobernen nin na Galiza nin no Estado, xa o digo así de claro. Hai xente que di que o libro ten que ser “obxectivo” e eu digo que nel non hai mentira ningunha, que este libro o que pretende é informar, desmontar o discurso da dereita. 

Como se desmonta?

Hai que informar, e informar é o máis revolucionario que se pode facer nestes momentos. Hai unha autocensura grande. Son 363 páxinas, con información de 35 medios distintos: novas, reportaxes, opinións, que entendo que son interesantes para poder coñecer Núñez Feixoo e o que representa. Nós Diario tamén ten unha presenza, e importante, no libro, cos datos e información que publicou sobre cuestións como a sanidade, os eólicos ou o ensino... Creo que pode ser unha obra útil para ter unha visión do que significa Núñez Feixoo.

Por que lle chama “farsante”?

Pois porque o é (ri). Xa empreguei este adxectivo para referirme a el cando empezaban a circular as informacións de que ía deixar a Xunta para marchar a Madrid. Que é un farsante? Un mentireiro, un troleiro, un hipócrita. E creo que Feixoo encaixa perfectamente aí. Cada día presenta un discurso e unha cara distinta ao anterior. É incríbel. Feixoo podería ser un convencido marxista, dos de Groucho Marx, “estes son os meus principios e se non lle gustan aquí teño outros”. O que quere é gobernar a toda costa, sexa como sexa e facendo todo o que sexa necesario para iso.

Como logrou un “farsante” gobernar tantos anos na Galiza con maioría absoluta?

É un fenómeno. Logrou que todo fose informativamente como el quería. A cidadanía non tiña elementos de xuízo obxectivos. Cultivou, co apoio dos grande medios, a imaxe de bo xestor, de moderado.. e, por pór un exemplo, triplicou a débeda! El, un exemplo de bo xestor!

De ter que definilo nunhas poucas palabras, cal serían?

É unha persoa que non ten palabra. Non lle importa mentir e facer o que faga falla por conseguir o Goberno. Non ten principios nin moral, iso permítelle dicir hoxe unha cousa e mañá a contraria. E non lle tivo custo electoral porque durante anos estivo blindado informativamente, protexido, malia dicir moitas ‘payusadas’. Ten pouca preparación, cada vez que ten que abordar a fondo un tema di verdadeiras barbaridades; como saia do guión, erra, mete a zoca.

Non hai diferenzas entre Feixoo e Díaz Ayuso?

Son dúas caras da mesma moeda. Son da mesma familia, apenas hai diferenzas relevantes. De feito, non se pode entender o asalto de Feixoo ao poder do PP español sen a conivencia e apoio de Ayuso. Tiveron un acordo, houbo unha coalición entre ambos os dous. Mais para min esa familia de Núñez Feixoo e Díaz Ayuso tamén inclúe a Vox. De onde vén esa xente? Do PP. 

Comentarios