Eleccións europeas 2024

O BNG lanza a súa candidatura con Ana Miranda para obter "un escano desde o primeiro día"

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, presentou esta terza feira a candidatura da formación nacionalista para as próximas eleccións ao Parlamento Europeo do 9 de xuño, que encabeza Ana Miranda, quen actualmente ostenta asento na Eurocámara.
Ana Pontón e Ana Miranda, en primeiro plano, na presentación da candidatura do BNG para as eleccións ao Parlamento Europeo (Foto: Arxina).
photo_camera Ana Pontón e Ana Miranda, en primeiro plano, na presentación da candidatura do BNG para as eleccións ao Parlamento Europeo (Foto: Arxina).

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, presentou esta terza feira a candidatura da formación nacionalista para as próximas eleccións ao Parlamento Europeo do 9 de xuño, que encabeza Ana Miranda, quen actualmente ostenta asento na Eurocámara.

Neste sentido, a cabeza de lista fixo votos por lograr na noite electoral representación directa en Bruxelas (e non a metade de lexislatura como no actual período), algo que non se logra desde 1999 con Camilo Nogueira: "Esperamos obter un escano desde o primeiro día".

Do "orgullo de poder presumir do traballo ben feito" esgrimido pola voceira nacional, ao "orgullo" de encabezar unha lista na que están recoñecidas figuras nacionalistas como o que foi deputado e secretario de Organización do BNG, Bieito Lobeira, ou outras incorporacións como a do mariñeiro Rogelio Santos, así como rostros da cultura como a creadora Mirian Opazo e da investigación como é o caso da doutora e profesora da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Mar Pérez. A candidatura féchaa con gran "simbolismo" Kevin González, fillo dun dos falecidos no naufraxio do Vila de Pitanxo.

Pontón destacou a voz "incansábel e irredutíbel" de Ana Miranda en Europa, tanto cando ocupou o escano como cando permanece como asesora no marco do acordo de coalición con ERC e Bildu, polo cal se reparten os tempos de representación en virtude do número de votos no que se denomina unha coalición "instrumental" derivada da circunscrición única para as eleccións europeas (o Estado español como único marco).

A líder nacionalista destacou que a "defensa da Galiza" seguirá da man de Miranda a partir do 9 de xuño, xunto cunha candidatura de homes e mulleres "comprometidas". Pontón subliñou que a representante nacionalista no Parlamento Europeo foi ao longo destes anos "non só a deputada do BNG, senón de todos os galegos, a voz propia en Bruxelas e serao con máis forza" despois desta cita electoral, cun "traballo serio e rigoroso a favor da Galiza".

Así, destacou que "grazas ao BNG, en Bruxelas falouse do lácteo, das rías, emigración, da fuga de talento, do corredor atlántico ou da eurorrexión Galiza-Norte de Portugal, de memoria histórica, dun modelo alternativo enerxético, da defensa dos dereitos sociais e da defensa da lingua e da cultura". A líder do BNG manifestou que a formación nacionalista quere unha "Europa de portas abertas e solidaria" e afirmou que "outra Europa é posíbel, unha Europa que aposte pola paz, xustiza e solidariedade".

"Se non estamos, hai moitos temas que non se defenderían no Parlamento Europeo"

Miranda tamén expresou sentirse "moi orgullosa dunha lista" na que hai mocidade, experiencia, feminismo, ecoloxismo e "compromiso" e defendeu que durante estes últimos cinco anos, os galegos e as galegas "votasen ou non" ao BNG, tiveron no escano unha defensa do país. "En todo o que afecta á Galiza, terán en nós, o BNG, a voz galega en Europea e esperamos ter o apoio dos galegos. Se non estamos, hai moitos temas que non se defenderían no Parlamento europeo", advertiu Miranda, quen comprometeu "traballo arduo durante todo este mes" con toda a candidatura para dar a coñecer as propostas da formación nacionalista co obxectivo de obter "un escano desde o primeiro día".

Comentarios