Ana Miranda traslada a Pepe Mujica o agradecemento polo seu apoio ao BNG

A eurodeputada do BNG foi recibida polo ex presidente uruguaio e a ex vicepresidenta Lucía Topolansky

Ana Miranda e Pepe Mujica, esta segunda feira. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Ana Miranda e Pepe Mujica, esta segunda feira. (Foto: Nós Diario)

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, mantivo un encontro co ex presidente de Uruguai, Pepe Mujica, no marco das xornadas de traballo desenvolvidas pola política nacionalista en Bos Aires e Montevideo, que incluíron reunións coas colectividades galegas e coa xuíza Servini a razón da Querela Arxentina contra os crimes do franquismo.

No encontro mantido con Mujica (no que tamén participou a ex vicepresidenta de Uruguai, Lucía Topolansky), Miranda trasladou ao ex presidente o agradecemento de parte da portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, polo seu apoio continuo á formación nacionalista, “transmitido ao longo dos anos de continuos contactos e reunións”.

Ademais, na xuntanza decorrida esta segunda feira abordaron diversas cuestións da política internacional actual, como o “terríbel xenocidio” que sofre o pobo palestino a mans do exército sionista de Israel. Trátase dun tema polo que ambos senten unha gran preocupación e no que coincidiron en destacar a necesidade dun alto ao fogo inmediato. Igualmente, consideraron “inadmisíbel” o bloqueo de axuda humanitaria por parte de Israel no paso fronteirizo de Rafah, que está provocando “terríbeis casos de desnutrición e morte por fame e sede”.

Recoñecemento de Acampa

Por outro lado, Ana Miranda fíxolle entrega a Pepe Mujica da escultura que lle concedeu a Rede Acampa pola Paz como recoñecemento polo seu traballo en defensa dos dereitos humanos e que foi recollida pola propia eurodeputada galega o pasado mes de xuño na Coruña.

“Para min é unha honra entregar este recoñecemento a unha persoa como Mujica, sempre defensor da paz e os dereitos humanos”, manifestou Ana Miranda. Ao respecto, o ex presidente Mujica respondeu cun fondo agradecemento á Galiza por elixilo para concederlle este recoñecemento e afirmou estar fondamente conmovido. “Tómoo como unha homenaxe a moitos compañeiros anónimos que xa non están e nos acompañaron”, manifestou Mujica

Comentarios