Von der Leyen abre a porta a pactar coa extrema dereita

A presidenta da Comisión Europea e candidata do Partido Popular Europeo dixo nun debate que estaría disposta a pactar coa ultradereita para alcanzar a maioría europarlamentaria que lle permitiría revalidar mandato.
Ursula von der Leyen (Foto: Nicolas Landemard / Europa Press / Contacto).
photo_camera Ursula von der Leyen (Foto: Nicolas Landemard / Europa Press / Contacto).

A presidenta da Comisión Europea e candidata do Partido Popular Europeo, Ursula von der Leyen, abriu a porta para pactar coa extrema dereita para alcanzar a maioría europarlamentaria que lle permitiría revalidar mandato. "Depende moito das maiorías e de quen haxa en cada grupo", dixo durante o debate con outros candidatos.

“Dependerá moito da composición do Parlamento e de quen estea nese grupo”, afirmou Von der Leyen en resposta a unha pregunta do candidato ecoloxista, Bas Eickhout, sobre unha posíbel colaboración entre os conservadores que lidera e CRE (Conservadores e Reformistas Europeos), onde se encadran formacións como Irmáns de Italia, da primeira ministra Georgia Meloni.

A presidenta da Comisión si desbotou en calquera caso colaborar coa extrema dereita do grupo Identidade e Democracia, que aglutina a formacións do centro e norte de Europa como Alternativa para Alemaña (AfD), Reagrupamento Nacional (Francia) ou Liga (Italia).

Von der Leyen é a candidata do Partido Popular Europeo (PPE) a un novo mandato de cinco anos como presidenta da Comisión Europea.

Para iso necesita o apoio da maioría simple do Parlamento Europeo saído das eleccións previstas para os días 6-9 de xuño.

No transcurso do debate o candidato da Esquerda, Walter Baier, preguntoulle se a UE vai impor sancións a Israel polo masacre en Gaza. “Israel ten dereito a defenderse dentro dos límites do dereito humanitario. Estiven en Rafah e a morte de tantos civís inocentes é inaceptábel. Necesitamos un cesamento do fogo xa e a liberación dos reféns. E sentarnos e traballar na solución dos dous estados”, dixo a presidenta da Comisión Europea, que molestou a moitas capitais e dirixentes no inicio da guerra polo seu apoio incondicional a Benjamín Netanyahu.

Comentarios