O tribunal da ONU rexeita frear a venda de armas alemás a Israel como demandara Nicaragua

Netanyahu insiste en que asaltarán Rafah.

Sesión da CIX, a terza feira. (Foto: Corte Internacional de Xustiza)
photo_camera Sesión da CIX, a terza feira. (Foto: Corte Internacional de Xustiza)

A Corte Internacional de Xustiza (CIX), o principal órgano xudicial da Organización das Nacións Unidas (ONU), rexeitou a terza feira a petición de Nicaragua de impor medidas de emerxencia para frear a venda de armas por parte de Alemaña a Israel no marco da súa agresión militar a Gaza, que persoas expertas da ONU cualificaron de limpeza étnica e xenocidio.

Nese sentido, a maxistratura indicou que “as circunstancias” non requiren das medidas provisorias, lembrando “a todos os Estados as súas obrigas internacionais” á hora de evitar que as armas que vendan sexan usadas para violar o dereito internacional.

Así e todo, tampouco aceptou a solicitude alemá de desestimar o caso por completo, e escoitará os argumentos de ambas as partes arredor desta cuestión, o que probabelmente se alongará varios meses.

Contra outro tribunal, a Corte Penal Internacional (CPI), arremeteron membros do lexislativo estadounidense perante a posibilidade de que emita ordes de arresto contra o primeiro ministro do Goberno de ultradereita israelí, Benjamin Netanyahu, e outros membros do Executivo polas políticas no tocante ao pobo palestino.

Mike Johnson, presidente da Cámara de Representantes, incidiu en que é “vergonzoso” que a Corte programe emitir ordes “infundadas e ilexítimas”, reiterando que afectaría a seguridade e soberanía estadounidense e que podería derivar na emisión de ordes de arresto contra autoridades de Washington.

Ademais, o Departamento de Estado estadounidense insistiu en que a CPI non ten xurisdición posto que Israel, como os Estados Unidos, non asinou o Estatuto de Roma, que si rubricou Palestina. Isto contrasta coa colaboración co tribunal no que atinxe ás denuncias de Ucraína contra Rusia pola invasión, malia que Moscova tampouco é asinante do Estatuto.

En 2002, os Estados Unidos aprobaron unha norma que autoriza a Presidencia a usar “todos os medios necesarios e apropiados para lograr a liberación de calquera estadounidense ou persoal aliado que estea detido ou encarcerado por, en nome de, ou a solicitude da CPI”.

Namentres, Netanyahu subliñou que o Exército sionista asaltará Rafah, a urbe situada na fronteira de Gaza con Exipto na que se refuxian máis da metade dos 2,3 millóns de habitantes de Gaza, independentemente de que culminen con éxito as negociacións coa organización palestina Hamás para un alto o fogo. Máis de 34.500 persoas foron asasinadas por Israel en Gaza desde outubro.

Comentarios