A Revolución dos Cravos fai medio século entre celebracións masivas por todo o territorio

Rebelo de Sousa agradece a xesta aos "capitáns de Abril".
Avenida da Liberdade de Lisboa, a capital portuguesa, durante a manifestación da quinta feira. (Foto: FaMe)
photo_camera Avenida da Liberdade de Lisboa, a capital portuguesa, durante a manifestación da quinta feira. (Foto: FaMe)

Milleiros de persoas uníronse a quinta feira á mobilización na Avenida da Liberdade de Lisboa para celebrar o medio século da Revolución dos Cravos, que acabou coa ditadura de extrema dereita e permitiu a Portugal avanzar cara a un sistema democrático, nunha manifestación protagonizada polas forzas progresistas e que só contou do campo conservador coa Iniciativa Liberal (IL).

Con todo, tamén se uniu á marcha José Pedro Aguiar-Branco, presidente da Assembleia da República polo gobernante Partido Social Democrata (PSD), a diferenza da práctica do seu antecesor, Augusto Santos Silva (Partido Socialista, PS).

En todo caso, medios lusos incidiron en que a festa se estendeu ao longo do territorio para conmemorar o que para 65% da poboación foi o día máis importante da historia de Portugal.

No acto institucional no lexislativo, o presidente Marcelo Rebelo de Sousa lembrou os “xoves capitáns de Abril”, que acabaron cun “imperio xa sen futuro”, cunha “gratitude” que “non prescribe”, incidindo en que foron “os únicos que podían ter feito o que fixeron o 25 de abril de 1974”.

Tras repasar os principais líderes políticos naquela altura, Rebelo de Sousa apuntou que a historia “faise e refaise con altibaixos”, describindo as mudanzas “dunha economía semieconómica e semieuropea a unha afirmadamente europea”, de “nacionalizacións e expropiacións revolucionarias” a reprivatizacións en “mans” lusas primeiro e estranxeiras despois, “todo nun tempo concentrado”.

En última instancia, reclamou “humildade” e “intelixencia” para “preferir sempre a democracia imperfecta á ditadura”, apelando a un Abril “máis forte, máis duradeiro e máis prometedor”.

O secretario xeral do PS e líder da oposición, Pedro Nuno Santos, remarcou que “facer realidade os soños de Abril é un traballo imperfecto e aínda inacabado”, facendo fincapé na existencia de “desafíos e problemas” que após 50 anos “non se resolven con máis liberalismo e un Estado ao servizo da minoría”.

Namentres, Mariana Mortágua, que encabeza o Bloco de Esquerda (BE), alertou dos nostálxicos do salazarismo que aseveran que a Revolución foi “superflua”, e o líder do Partido Comunista (PCP), Paulo Raimundo, destacou que “consagrou liberdades concretas” e unha “sociedade ao servizo da maioría en confrontación cos intereses dunha minoría”, á que acusa de seguir intentando “reescribir a historia”.

Pola súa parte, Rui Tavares (Livre), instou a centrar as conversas en debater sobre o futuro como a mellor maneira de honrar a Revolución, e Inês de Sousa Real (Pessoas-Animais-Natureza), solicitou evitar que “se constrúan trincheiras”.

Ana Gabriela Cabilhas, deputada do PSD, subliñou que é unha data histórica chave e unha “Revolución inacabada”, recordando o Portugal no que “as mulleres non podían ser donas de si propias”.

O resto de forzas conservadoras, CDS-Partido Popular, IL e a extrema dereita do Chega, usaron as súas intervencións para cuestionar as afirmacións na véspera de Rebelo de Sousa de que Portugal debe asumir reparacións pola escravitude e os crimes da colonización.

En paralelo, o secretario xeral da Organización das Nacións Unidas (ONU) e ex primeiro ministro portugués entre 1995 e 2002, António Guterres, fixo énfase en que “non teríamos consolidado a democracia se o pobo non fose repetida e masivamente ás rúas”.

Comentarios