Pedro Sánchez vese agora con "ánimo" para esgotar a lexislatura e presentarse á reelección

O líder do PSOE non desbota volver optar a ser presidente nas vindeiras eleccións estatais: "Até que os españois queiran co seu voto".

 

O presidente do Estado español, Pedro Sánchez, esta segunda feira (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).
photo_camera O presidente do Estado español, Pedro Sánchez (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).

O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, non desbota volver optar a revalidar o cargo nas próximas eleccións estatais porque, tras o seu tempo de reflexión, asegura estar "con ánimo para estes tres anos e para os que queiran os españois co seu voto".

Sánchez mostrou esa disposición nunha entrevista na SER na que non concretou ningunha medida para a rexeneración democrática que anunciou na súa comparecencia desta segunda feira e que dixo que non pode facer o Goberno só, senón que teñen que participar tamén o Parlamento e os medios de comunicación.

Unha loita que explicou que non pode facerse "en tres días, en tres meses ou tres anos" e que transcende a presente lexislatura, polo que subliñou que está con ánimo para continuar nesa tarefa.

"Se os españois e o meu partido queren que continúe sendo o responsable do Goberno e o líder neste caso do PSOE, mentres eu teña ganas, convicción e ideas de transformación para o meu país, vou facer", engadiu.

A loita contra os bulos dos que denominou "pseudomedios" insistiu que debe ser unha peza chave da rexeneración democrática, pero tamén se referiu a cuestións relativas á Xustiza como a necesidade de renovar o Consello Xeral do Poder Xudicial.

Se o PP segue bloqueando, dixo, esa renovación, "a democracia, o Parlamento, necesitará articular mecanismos para poder sacar desta situación tan lamentábel na que meteu o PP ao Goberno dos xuíces".

Ao preguntarlle se iso suporá un cambio das maiorías necesarias para a renovación, non o concretou, pero insistiu en que a responsabilidade do Goberno español será renovar o Consello Xeral do Poder Xudicial.

Comentarios