Unha muller é detida nos Países Baixos por participar no financiamento e preparación do atentado contra Vidal-Quadras

Trátase da quinta detención que se realiza no marco da investigación do atentado perpetrado en Madrid o pasado 9 de novembro.
Alejo Vidal-Quadras, no Parlamento Europeo (Foto: Europa Press).
photo_camera Alejo Vidal-Quadras, no Parlamento Europeo (Foto: Europa Press).

Axentes da Policía do Estado español detiveron a unha muller nos Países Baixos pola súa presunta participación no financiamento e preparación do atentado cometido en Madrid contra Alejo Vidal-Quadras o pasado 9 de novembro de 2023.

Segundo informou a Policía, a arrestada é unha muller de nacionalidade neerlandesa detida grazas a unha Orde Europea de Detención e Entrega (OEDE) emitida polo Estado español.

Trátase da quinta detención que se realiza no marco da investigación do atentado perpetrado en Madrid o pasado 9 de novembro contra o ex vicepresidente do Parlamento Europeo Alfonso Vidal-Quadras, que foi tamén presidente do PP catalán e un dos cofundadores de Vox.

O pasado 23 de febreiro, Vidal-Quadras ofreceu unha rolda de prensa en Madrid na que relatou o "milagre" polo que salvou a vida. "Non teño ningunha dúbida de que foi o réxime de Irán", dixo en reiteradas ocasións, insistindo na chamada pista iraniana.

A última novidade da investigación polo atentado foi a detención en xaneiro na fronteira de Colombia dun dos presuntos autores do intento de asasinato, un cidadán venezolano cunha orde de procura internacional por un delito de terrorismo no Estado español.

Procura dun francés de orixe tunisiana

A investigación da Comisaría Xeral de Información da Policía permitira deter previamente a outras tres persoas. A Audiencia Nacional enviou a prisión por tentativa de asasinato terrorista a un cidadán español arrestado en Lanjarón (Granada, Andalucía) e deixou en liberdade con medidas cautelares á súa parella, unha muller de orixe británica, e tamén a un terceiro detido en Fuengirola (Málaga, Andalucía).

As pescudas dirixíronse entón a dar co paradoiro do autor do disparo nunha rúa do centro de Madrid, Mehrez Ayari, de 37 anos, un francés de orixe tunisiana con múltiples antecedentes no Estado galo, onde residía, e que o día do ataque cubriu o seu rostro co casco dunha moto.

A Policía informou o pasado 24 de novembro de que mantiña abertas varias liñas de investigación tras constatar que o atentado foi preparado "de maneira meticulosa durante semanas antes do día dos feitos", o 9 de novembro no centro de Madrid a plena luz do día, "levándose a cabo vixilancias sobre a vítima, compras de material para a súa execución e reunións en distintas partes do Estado español".

Na comparecencia ante os medios nun acto decorrido na Asociación da Prensa de Madrid, Vidal-Quadras avisou de que non parará en "toda a súa vida" no seu apoio á oposición iraniana e pediu medidas máis contundentes á Unión Europa (UE) como fechar as embaixadas e expulsar ao persoal que ten despregado este país en Occidente.

Confianza na investigación

Ademais, mostrou a súa confianza na investigación en curso na Audiencia Nacional e nas indagacións da Comisaría Xeral de Información da Policía, aínda que recoñecendo que "non é fácil estabelecer a relación entre os sicarios detidos e o réxime de Irán". "Oxalá; na Xustiza española teño toda a confianza e respecto", salientou.

Vidal-Quadras recoñeceu que desde que apareceu nunha lista negra de supostos inimigos de Irán xa se "inquietou", aínda que nunca, tampouco días antes do atentado en Madrid cando regresaba de camiñar no parque do Retiro, "notara nada nin recibira ameazas".

Neste sentido, agradeceu expresamente ao Ministerio do Interior a súa "disposición" para, tras o intento de asasinato, incrementar a súa seguridade cun dispositivo "moi completo". Vidal-Quadras relatou que o 9 de novembro, o día do atentado, regresaba de dar un paseo polo parque do Retiro en Madrid en dirección á súa casa e, nun momento dado, escoitou unha voz de alguén por detrás, moi perto, que lle dixo: "Ola, señor".

O ex presidente do PP catalán dixo que virou a cabeza e que foi ese movemento o que propiciou que o tiro non fose mortal, porque a bala entrou por unha parte da mandíbula e saíu pola outra. "Foi un milagre", expuxo, antes de continuar detallando o seu atordamento e que un cidadán lle taponou a ferida con abundante sangue axudado co seu suadoiro. O disparo soou tan perto que lle afectou a un tímpano e el, nese momento, pensou que era vítima do réxime iraniano como represalia ao seu apoio á disidencia.

Comentarios