México defende que o Ecuador debe ser sancionado polo asalto á súa embaixada, incluso coa súa suspensión na ONU

A Corte Internacional de Xustiza acolleu a primeira audiencia do caso.
O presidente de México, Andrés Manuel López Obrador. (Foto: Europa Press / Contacto / Luis Barron)
photo_camera O presidente de México, Andrés Manuel López Obrador. (Foto: Europa Press / Contacto / Luis Barron)

“As accións do Ecuador non só infrinxen os límites estabelecidos no dereito internacional, tamén crean un precedente desconcertante que reverbera en toda a comunidade internacional”, proclamou a terza feira Alejandro Celorio, representante mexicano na Corte Internacional de Xustiza (CIX), o principal órgano de Xustiza da Organización das Nacións Unidas (ONU), na primeira audiencia tras a denuncia de México contra o Ecuador polo asalto da súa embaixada en Quito, a capital ecuatoriana.

A cuarta feira será a quenda da representación ecuatoriana para presentar a súa posición.

O Ecuador non admite a súa responsabilidade

Ademais de subliñar que o acontecido “amosa claramente a falta de respecto do Ecuador cara ás normas fundamentais, aceptadas universalmente e que existen desde hai tempo”, Celorio remarcou que “non se nos deron garantías críbeis para evitar novas infraccións nin o Ecuador recoñeceu totalmente a súa obriga” de non entrar nas delegacións diplomáticas mexicanas.

O Goberno conservador ecuatoriano, dirixido por Daniel Noboa, xustificou o ataque na detención do ex vicepresidente progresista Jorge Glas, ao que México brindou asilo antes da operación das forzas de seguridade ecuatorianas.

Suspensión na ONU

O asalto á embaixada derivou na ruptura de relacións diplomáticas e motivou a demanda de México, que reclama á CIX que emita medidas provisorias para garantir a inviolabilidade de embaixadas e consulados.

Tamén solicita que o Ecuador sexa suspendido como membro da ONU até que non se desculpe polos feitos co fin de estabelecer un precedente para que un Estado sexa expulsado do organismo por violacións desta clase.

Comentarios