Israel ignora a ameaza de Biden e os militares sionistas atacan a cidade de Rafah mentres a súa representante recibe apupos en Eurovisión

Hai varios días que non entrou axuda en Gaza, desde que Israel tomou o control do cruce fronteirizo de Rafah en resposta á aprobación de Hamás da proposta de alto o fogo.
Edificio atacado por Israel en Gaza. (Foto: Abdullah Abu Al-Khair / Zuma Press / ContactoPhoto)
photo_camera Edificio atacado por Israel en Gaza. (Foto: Abdullah Abu Al-Khair / Zuma Press / ContactoPhoto)

A pesar de que Joe Biden, presidente dos Estados Unidos, o seu principal aliado e provedor armamentístico, advertiu a Israel que suspendería a entrega de artillaría e bombas no caso de que atacase as zonas poboadas de Rafah, na fronteira de Gaza con Exipto, os tanques sionistas cercaron a sexta feira o oriente da cidade, e a axencia Reuters reportou “explosións e tiroteos case constantes no leste e nordés”.

Entre combates coas forzas da resistencia palestina, o Exército israelí lanzou unha serie de ataques con avións de combate e drones contra edificios residenciais e instalacións públicas, informa a canle Al Jazeera.

O portal Axios detallou que Israel aprobou a “ampliación da área de operacións” citando tres fontes, dúas das que sostiveron que é unha “expansión medida” para non superar os límites marcados por Washington, e a terceira asegurou que podería entenderse como unha violación das súas liñas vermellas.

Martin Griffiths, que lidera Asuntos Humanitarios na Organización das Nacións Unidas (ONU), denunciou que non entra axuda humanitaria en Gaza desde que Israel tomou o paso fronteirizo de Rafah na madrugada da segunda á terza feira, logo de que Hamás aceptara a proposta para un alto o fogo, o que Israel boicoteou.

Amais, a Asemblea Xeral da ONU prevé votar ao longo da sexta feira unha resolución para ampliar os dereitos de Palestina no organismo.

Eurovisión

Berros de “Palestina libre” e apupos -con algún aplauso- desatáronse na segunda semifinal de Eurovisión na noite da quinta feira cando a representante israelí, Eden Golan, comezou a cantar. Porén, para o público que o viu desde a súa casa o máis destacado foron os amplos aplausos que recibiu.

Como explicou o portal ESCplus, isto debeuse ao traballo dos equipos de son, que introduciron aplausos gravados con anterioridade e silenciaron o máximo posíbel os berros do público. Fóra do evento, nas rúas da cidade sueca de Malmö, milleiros de persoas asistiron a unha manifestación contra a participación de Israel convocada por máis de 60 entidades.

A representante irlandesa, Bambie Thug, salientou que non lle permitiron actuar con inscricións no seu corpo a favor de Palestina, o que non impediu que Mustii, o candidato belga, levara no brazo a palabra “paz”. VRT, a canle pública da comunidade flamenca, non emitiu a actuación de Golan, que estará na final o sábado, condenando as accións israelís en Gaza.

Após as exclusións de Rusia e Belarús o festival negouse a vetar a participación israelí.

Comentarios