O Goberno conservador do Reino Unido celebra a primeira expulsión dun migrante a Ruanda

Interior pon crianzas en risco de deportación ao consideralas adultas

Rishi Sunak, primeiro ministro británico. (Foto: Bernd Elmenthaler / Europa Press / Contacto)
photo_camera Rishi Sunak, primeiro ministro británico. (Foto: Bernd Elmenthaler / Europa Press / Contacto)

Un funcionario británico confirmou a cuarta feira á axencia AP que un home cuxa nacionalidade non foi revelada e que migrara ao Reino Unido chegou a Ruanda logo de aceptar “voluntariamente” a expulsión canda 3.500 euros de compensación.

Aínda que este caso non está relacionado co programa de expulsións ao país africano de solicitantes de asilo que o Goberno do conservador Rishi Sunak aspira a activar en xullo, o seu Executivo celebrou a marcha da primeira persoa, cuxa solicitude de asilo foi rexeitada a finais de 2023, o que se enmarca no seu afán de demostrar que Ruanda é un país seguro para enviar estas persoas.

"Vacacións"

A titular de Comercio Internacional, Kemi Badenoch, chegou a afirmar que “coñezo xente que vai alí de vacacións” mentres defendía que “deberíamos pregoar” a expulsión da primeira persoa, o que, sostivo, supón que é un país seguro posto que “a xente ofrécese como voluntaria para ir alí”.

En paralelo, producíronse as primeiras detencións entre as case 6.000 persoas solicitantes de asilo que o Reino Unido busca deportar nunha primeira fase, e que serán trasladadas aos sete campos de detención que habilitou o Ministerio de Interior.

Ao respecto, o Consello de Refuxiados alertou de que crianzas non acompañadas están en risco de ser expulsadas a Ruanda logo de que Interior as catalogara como persoas adultas.

Contexto electoral

A confirmación da primeira expulsión produciuse apenas 24 horas antes das eleccións locais parciais en Inglaterra, as derradeiras antes dos comicios xerais, nos que as enquisas prevén unha vitoria do Partido Laborista. Neste contexto, os conservadores apostaron principalmente pola represión da migración para evitar a derrota.

Comentarios