Biden ameaza con limitar o envío de armas a Israel se ataca o centro de Rafah, subliñando que aínda "non cruzou a liña vermella"

A cifra de palestinas e palestinos asasinados en Gaza achégase a 35.000.
Crianza palestina entre os cascallos de Rafah. (Foto: Abdullah Abu Al-Khair / Europa Press / Contacto)
photo_camera Crianza palestina entre os cascallos de Rafah. (Foto: Abdullah Abu Al-Khair / Europa Press / Contacto)

“Deixei claro que se [as tropas israelís] entran en Rafah” os Estados Unidos non lles entregarán as armas que “se utilizaron historicamente para tratar co problema”, como proxectís de artillaría, asegurou na madrugada da quinta feira o presidente estadounidense, Joe Biden.

O mandatario fixo fincapé en que o réxime de apartheid sionista aínda “non cruzou a liña vermella” posto que non entrou polo de agora en áreas densamente poboadas logo de asaltar esta semana o posto fronteirizo que une a cidade con Exipto, e que se sitúa na periferia da urbe á que fuxiron máis da metade dos 2,3 millóns de persoas de Gaza, escapando dos bombardeos indiscriminados e do intento de invasión israelí.

As declaracións producíronse logo de que Washington paralizara un envío de 3.500 bombas, aducindo a preocupación polo seu efecto en zonas urbanas cun alto número de persoas.

Biden tamén subliñou que “os civís morreron en Gaza como consecuencia desas bombas e outras formas nas que atacan os centros de poboación”.

Así e todo, reiterou que sigue comprometido coa defensa de Israel, polo que continuarán entregando armamento que considerou orientado á defensa, matizando que “nos estamos a distanciar da capacidade de Israel para facer a guerra nesas zonas”.

Fuxida de Rafah

O ataque israelí a Rafah, acompañado de constantes bombardeos, levou ducias de milleiros de palestinas e palestinos a intentar fuxir cara a outras áreas do enclave.

Como mínimo 34.904 persoas foron asasinadas por Israel na agresión militar que comezou en outubro, e que persoas expertas da Organización das Nacións Unidas (ONU) cualifican como xenocidio e limpeza étnica.

 

Comentarios