Granxas de estabulación trabada reciben avisos para suspender a recollida de leite

Pequenas explotacións advirten de que terán que fechar.
Explotación en Agra, Agolada (O Deza). [Foto: Nós Diario]
photo_camera Explotación en Agra, Agolada (O Deza). [Foto: Nós Diario]

Empresas das industrias lácteas que operan na Galiza, como Lactalis, Río, Celta ou mesmo Larsa, teñen intención de deixar de recoller o leite ás granxas que teñan ás vacas en estabulación trabada. Así o anunciou xa Lactalis (a que máis cantidade de leite recolle agora no país) a moitos dos dos pequenos gandeiros cos que traballa na Galiza. Segundo explicaron a Nós Diario algúns dos gandeiros e cooperativas contactadas pola empresa, “de momento semella que están tanteando o terreo e falan xa de suspender algunha ruta de recollida de leite a partir de xuño ou xullo”.

En casos como o de Larsa, gandeiros afectados por esta posíbel medida explican que a firma “non dixo que deixaría de recollernos o leite, pero si que non vai coller novas granxas deste tipo”. Máis incerteza hai no sector co caso de Río, xa que é a empresa que ten maior número de pequenas granxas entre os seus probeedores.

A estabulación trabada é un sistema polo que as vacas ao ir para a corte de noite, están amarradas a un punto fixo a través dunha barra vertical. Este é un sistema que vén de vello na Galiza, e que antes permitía os gandeiros maior operatividade á hora de muxir ás vacas. Son centos as pequenas granxas en toda a Galiza que se van ver afectadas por esta decisión das industrias lácteas.

Fundamentalmente son pequenas explotacións dedicadas ao sistema de pastoreo. Así as vacas están o día nos prados pacendo e á noite cando voltan á corte son estabuladas con este sistema. Agora as industrias lácteas queren deixar de recoller o leite nestas explotación remitíndose ao Real Decreto de Ordenación Bovina do Ministerio de Agricultura.

A vicerresponsábel do sector lácteo do Sindicato Labrego Galego, Ana Rodríguez, advirte de que “nesa normativa non hai referencia á estabulación trabada, si ao emparrillado das granxas pero deste non di nada”. Rodríguez, gandeira tamén e copropietaria dunha SAT de leite en Chantada, afirma que “as vacas teñen que saír, así o exixe a normativa, pero en ningún sitio fala da estabulación trabada”. Asegura que esta “nova ameaza” que están a facer as industrias lácteas ataca directamente as pequenas explotacións, “a este paso non imos quedar ningunha gandaría no país”.

Óscar Iglesias ten unha explotación de vacas de leite en Val de Sangorza (Agolada, O Deza), tamén recibiu este aviso da industria. Na granxa ten 28 vacas de leite en estabulación trabada, e vende ao día entre 800 e 900 litros de leite a unha destas empresas. Tamén falaron desta cuestión  na Cooperativa de Cercio (Vila de Cruces, O Deza) á que pertence. De momento os gandeiros e as gandeiras afectadas agardan máis información, pero xa advirten de que “a este paso imos ter que fechar”.

Cooperativas consultadas por Nós Diario aseguran que se teñen posto en contacto cos inspectores de algunhas destas empresas e a mensaxe transmitida é que “van deixar todas as explotacións con vacas trabadas, fagan pastoreo ou non, e estean en certificación ou non”. A explicación que os afectados están a recibir é que son “normas da empresa”, e o modus operandi que pensan levar a cabo é “facelo progresivamente por rutas de recollida do leite segundo vaian vencendo os contratos en vigor coas granxas”. Así, agardan que “como máximo entre este ano e o que vén” deixarían de recoller leite en todas estas granxas.

500 explotacións leiteiras poderían estar afectadas

Arredor de medio millar de pequenas e de medianas granxas de leite poderían estar afectadas ao longo de todo o país por esta decisión da industria láctea, segundo os datos que figuran no censo agrario que fornece o Instituto Nacional de Estatística (INE). As empresas acóllense ao benestar animal e a un real decreto que non fala de estabulación trabada, senón de "emparrillado" nas cortes. Os gandeiros e as gandeiras consultadas por este xornal téñeno claro: “están acurralándonos”, sentencian.

Comentarios