Amancio Ortega ingresa 1.422,5 millóns por dividendo de Inditex en plena mobilización de parte do cadro de persoal

Paros esta semana en Zara Loxística contra a modificación unilateral dos calendarios laborais e mobilizacións en abril de dependentas de Inditex para reclamar melloras laborais e negociar aquí as súas condicións de traballo

Amancio Ortega retomou en 2019 a súa aposta polo sector enerxético após o infrutuoso intento de 2005 con Unión Fenosa (Foto: Europa Press).
photo_camera Amancio Ortega (Foto: Europa Press).

O fundador e primeiro accionista de Inditex, Amancio Ortega, ingresará esta quinta feira, 2 de maio, un total de 1.422,5 millóns de euros pola primeira retribución do ano que pagará Inditex aos seus accionistas, o que supón a metade do que cobrará en dividendos da multinacional do téxtil este ano. En concreto, o empresario recibirá este ano 2.845 millóns de euros en concepto de dividendos da compañía, por riba dos 2.217 millóns que percibiu por este concepto o exercicio pasado.

A nova chega apenas unhas horas despois de que os traballadores e as traballadoras do centro loxístico de Zara en Sabón secunden este martes paros laborais de unha hora por quenda de traballo en rexeitamento á modificación e ao empeoramento dos calendarios laborais. Ademais, hai pouco máis de dúas semanas, máis de mil traballadoras das tendas de Inditex manifestáronse na Coruña para reclamar melloras nas condicións laborais e sociais e que se lle recoñezan dereitos que xa teñen os compañeiros doutras empresas do grupo

En total, a compañía retribuirá este ano aos seus accionistas con perto de 4.800 millóns de euros, tras elevar un 28% o dividendo, ata 1,54 euros por acción.

En concreto, a política de dividendos de Inditex componse dun 'payout' ordinario de 60% do beneficio e a distribución adicional de dividendos extraordinarios.

Tras anunciar un beneficio récord de 5.381 millóns de euros en 2023, 30,3% máis, o Consello de Administración proporá á Xunta Xeral de accionistas un incremento do dividendo de 28% para o exercicio 2023, até 1,54 euros por acción, composto por un dividendo ordinario de 1,04 euros e un dividendo extraordinario de 0,50 euros por acción.

O fundador de Inditex recibiu máis de 1.400 millóns de euros en dividendo a través das sociedades Pontegadea Investimentos e Partler, coas que controla 59,294% do grupo téxtil, equivalente a un paquete de 1.848 millóns de euros, inviste parte dos dividendos que recibe de Inditex no sector inmobiliario.

Ortega posúe a maior inmobiliaria española, centrada na compra e xestión de grandes edificios, cunha carteira de activos inmobiliarios integrada fundamentalmente por edificios de oficinas, non residenciais, situados no centro de grandes cidades en España, Reino Unido, Estados Unidos e Asia.

Pola súa parte, a súa filla Sandra Ortega, que posúe o 5,053% da firma galega (157,48 millóns de accións), cobrará este ano máis 242 millóns en dividendos de Inditex (a metade este xoves, 2 de maio), fronte aos 188 millóns de euros que percibiu o ano anterior.

Comentarios