O Náutico de Sada faise co Trofeo Elcano na III Discoveries Race

A proba uniu A Coruña coas Illas Canarias
O percorrido foi de 1.100 millas. (Foto: CNS).
photo_camera O percorrido foi de 1.100 millas. (Foto: CNS).

A III Discoveries Race vén de baixar o pano nas Palmas de Gran Canaria despois de preto de tres semanas de competición que comezaron nas instalacións do Real Club Náutico da Coruña o pasado 19 de xullo.

Unha vez máis, a vela galega volveu exhibir o seu elevado nivel, nesta ocasión grazas ao bo desempeño do Proteína 65 de Manuel Batallán (Club Náutico de Sada), que se fixo co Trofeo Juan Sebastín Elcano -que prima o tempo compensado-, mentres que o Trofeo Fernando de Magallanes -que recae en quen tarda menos tempo para completar o circuíto- foi para os portugueses de José Augusto Araujo e o Swing (Centro Treino Mar de Funchal).

Ademais, o Proteína 65 foi un dos tres únicos barcos que foron quen de completar todo o percorrido, que constou dun total de cinco etapas que uniron a cidade herculina coas Palmas de Gran Canaria con paradas en Portosín, Porto, Sines e Funchal en 1.100 millas, investindo o Swing 179 horas, 27 minutos e 51 segundos.

A quinta e última etapa, entre Funchal e As Palmas de Gran Canaria, de 282 millas náuticas, foi moi competida. Finalmente, e xa cos tempos corrixidos, o tinerfeño Papoa foi o gañador cun tempo de 39 horas, 31 minutos e 35 segundos, seguido do Capa con 42 horas, 34 minutos e 38 segundos. Terceiro foi o Swing, que investiu 43 horas, 14 minutos e 20 segundos. 

Miguel Martínez, campión da Travesía Ría de Vigo

Sen saír do medio acuático, pero cambiando de disciplina,  o galego Miguel Martínez (Real Canoe Natación) sucedeu o arzuán Gaspar Andrade como vendedor absoluto da Travesía a Nado da Ría de Vigo tres anos despois da disputa da súa última edición e logo de rematar segundo nas edicións de 2018 e 2019.

Comentarios