Cristina Cabeza non estará á fronte do Atlético Guardés na Copa da Raíña

A escuadra arraina destitúe a súa adestradora a días do torneo do KO.
Crisitna Cabeza xa non é a adestradora do Atlético Guardés. (Foto: Sportcoeco).
photo_camera Crisitna Cabeza xa non é a adestradora do Atlético Guardés. (Foto: Sportcoeco).

Sorprendente movemento na elite do balonmán galego. O Atlético Guardés, un dos dous representantes da Galiza tanto na máxima categoría feminina estatal como na inminente Copa da Raíña -que se disputará a partir da próxima sexta feira, 10 de maio, no Donostia Arena de San Sebastián- non terá no banco a Cristina Cabeza.

A escuadra arraiana anunciou onte nun breve comunicado que tomou a decisión de que a preparadora madrileña non continúe á fronte do primeiro equipo do Guardés "con efecto inmediato".

"A adestradora desvincúlase do club miñoto tras 10 meses de entrega e dedicación. Non obstante, os resultados non foron os agardados pola entidade. O club agradécelle á técnica o seu intenso traballo dirixindo o grupo e, asemade, deséxalle moita sorte e éxitos no futuro", concluía a misiva feita pública polo Atlético Guardés.

Esta decisión inesperada adianta apenas uns días un adeus que xa estaba escrito desde o pasado 8 de febreiro. Ese día, a propia Cristina Cabeza revelou a través das súan distintas canles nas redes sociais que "a pesar" do seu "desexo" de cumprir o seu contrato, o seu camiño e o da escuadra galega separaríase á conclusión da tempada 2023/24 por motivos económicos.

Deste modo, finaliza precipitadamente a breve etapa de Cabeza á fronte dun Atlético Guardés do que é responsábel técnica desde o pasado verán, cando chegou á Guarda procedente do Xixón para substituír a portuguesa Ana Seabra.

A lusa, que até a xornada de onte exercía como segunda adestradora, volverá dar o salto para ocupar o baleiro deixado por Cristina Cabeza até o final da presente campaña, o que significa que dirixirá o Guardés na Copa da Raíña.

Comentarios