O Celta aposta por Giráldez. O conxunto celeste fixo boas as declaracións realizadas na terza feira polo seu director de fútbol, Marco Garcés, sinalando que o actual adestrador do primeiro equipo tiña enriba da mesa unha proposta para estender a vinculación que unía a ambas as partes alén do 30 de xuño de 2024, data na que remataba o seu anterior contrato.
Agora, logo de asinar a oferta de renovación, o ex preparador do filial será o titular do banco olívico, polo menos, até o verán de 2025, pois, tal e como confesou Garcés, o seu "sistema de traballo" implica sempre ofrecer contratos curtos.
Esta é unha medida que pode ser considerada como sensata, tendo en conta a recente e desastrosa experiencia vivida con Rafa Benítez, quen só completou oito dos 36 meses que tiña de contrato antes do seu despedimento en marzo pasado. Ademais, iso foi a orixe dunha batalla legal, pois o Celta non quere incluír no finiquito que debe pagarlle as cantidades correspondentes ao salario do seu terceiro ano de contrato, algo que esixe o madrileño -quen desde Brasil apuntan que podería facerse cargo do São Paulo-, con quen non chegou a un acordo durante a súa recente reunión no marco do Servizo de Mediación, Arbitraxe e Conciliación (SMAC).
"Alegría e felicidade"
Horas despois da oficialización da noticia, o propio Marco Garcés conduciu unha rolda de prensa na que estivo acompañado por Claudio Giráldez e o conselleiro Sergio Álvarez.
Este non puido ocultar a súa "alegría" pola continuidade "dun home da casa", salientando a súa progresión desde que na tempada 2021/22 aceptase a responsabilidade de dirixir o xuvenil 'A' -co que logrou o campionato na División de Honra- antes de asumir as rendas do Fortuna na 2022/23, co que xogou o play-off de ascenso a Segunda División.
Do mesmo modo, o director de fútbol da escuadra viguesa manifestou a súa "felicidade" pola sinatura do acordo "cunha persoa que coñece a canteira e os valores do club", antes de ceder a palabra ao protagonista da xornada, Giráldez, que afirmou vivir esta quinta feira "un dos mellores días" da súa vida.
Após lembrar as súas orixes celtistas, prometeu "responder con traballo e compromiso" á confianza depositada nel, e non ocultou o sen convencemento de que "todo vai ir moi ben", polo que cualificou de "boa" esta extensión de contrato tanto para el como para o Celta.
"Quero estar aquí todo o tempo que poida, mentres sexa útil e poida achegar ao club", concluíu, non sen botar balóns fóra cando se lle preguntou pola meta da vindeira tempada no caso de lograr a permanencia en Primeira.