A RAG celebrará o pleno do Día das Letras Galegas no Teatro Rosalía de Castro da Coruña

A sesión pública, de entrada libre ata completar a capacidade do recinto, contará coas intervencións sobre a autora á que a institución lle dedica o Día das Letras Galegas 2024 a cargo das académicas Ana Romaní e Margarita Ledo e do académico Euloxio R. Ruibal

Luísa Villalta (Foto: Xosé Abad).
photo_camera Luísa Villalta (Foto: Xosé Abad).

A Real Academia Galega celebrará o día 17 de maio o pleno extraordinario do Día das Letras Galegas de Luísa Villalta (1957-2004) na Coruña, a cidade onde naceu e viviu, e espazo literario constante na súa obra. A sesión pública, de entrada libre até completar a capacidade do recinto, terá lugar a partir das 12.30 horas no Teatro Rosalía e emitirase en directo desde academia.gal.

As alocucións sobre a homenaxeada serán pronunciadas polas académicas Ana Romaní e Margarita Ledo, e o académico Euloxio R. Ruibal. A parte musical correrá a cargo da violinista da Real Filharmonía de Galiza Kiyoko Ohashi e da cantante e poeta coruñesa Estíbaliz Espinosa. O repertorio incidirá nos gustos da dramaturga, poeta, narradora, ensaísta e articulista homenaxeada, violinista que abandonou pola docencia e a escritura a música como profesión pero non como fonte de inspiración vital e literaria.

Euloxio R. Ruibal, Ana Romaní e Margarita Ledo afondarán en distintos aspectos da vida e da obra da autora á que á RAG lle dedica este ano o 17 de maio cadrando co vixésimo aniversario do seu prematuro pasamento, aos 46 anos de idade, por mor dunha meninxite. A institución celebrará, coa colaboración do Concello da Coruña, a Deputación da Coruña e a Xunta da Galiza, o acto central do Día das Letras Galegas a vindeira sexta feira, pero xa está a renderlle homenaxe a Luísa Villalta na Rede desde xaneiro. Un dos proxectos fundamentais para divulgar a súa figura e o seu legado é a serie documental web Luísa Villalta, a rebelión da palabra, que pode verse na web en academia.gal e na canle de Youtube da Academia, e que está a ser proxectada nestas vésperas das Letras Galegas por asociacións culturais e centros de ensino de todo o país.

Alén da serie documental, a Real Academia Galega ofrece na súa sección de academia.gal das Letras Galegas 2024 outros recursos divulgativos sobre Luísa Villalta. Ana Romaní asina a biografía deste espazo que ofrece tamén unha escolma de citas da obra da homenaxeada en Palabras de Luísa Villalta ou novas sobre iniciativas arredor desta celebración.

Para o público máis novo, a RAG presenta un ano máis a web Primavera das Letra, onde pode descargarse o conto Violino, Inglesa e o libro xigante. Pequena biografía de Luísa Villalta. Xoán Babarro e Ana María Fernández son os autores desta historia na que achegan de maneira lúdica a xente miúda á escritora. Canda estas dúas figuras de referencia da literatura infantil e xuvenil do país dende a década dos anos 70 -recoñecidas con distintos galardóns-, traballou poñéndolle imaxes á historia o Premio Nacional de Ilustración Óscar Villán. Na mesma páxina web, coordinada pola académica Fina Casalderrey e apoiada pola Deputación da Coruña, atópanse actividades interactivas arredor do universo vital e literario de Luísa Villalta, fichas para colorear e ligazóns de interese.

O Portal das Palabras, a web para a difusión do léxico galego da RAG e a Fundación Barrié, ofrece igualmente unha sección específica con contidos arredor de Luísa Villalta.

Xa no último cuadrimestre do ano, a RAG celebrará o Simposio Luísa Villalta, no que reunirá distintas voces especialistas que achegarán novas contribucións arredor da súa figura e do seu legado literario.

Comentarios