CONTRACULTURA

Paula Carballeira, escritora e narradora oral: "Coa homenaxe a Xabier P. Docampo queremos que siga na memoria de todo o mundo"

Paula Carballeira é unha das impulsoras do acto anual Polavila Docampo
A escritora, narradora oral e actriz Paula Carballeira. (Foto: Nós Diario)
photo_camera A escritora, narradora oral e actriz Paula Carballeira. (Foto: Nós Diario)

Paula Carballeira (Maniños, Fene, 1972) é unha das organizadoras da iniciativa Polavila Docampo, unha homenaxe pública e itinerante ao escritor Xabier P. Docampo que se celebrará cada 5 de abril, día do nacemento do autor, nun concello distinto. 

Veñen de celebrar a primeira edición na Coruña. Como se puxo en marcha esta iniciativa de homenaxe?
Todo xurdiu dun grupo de amizades de Xabier P. Docampo, moitas delas que estiveron no acto: Manuel Bragado, Paco Martín, Ánxeles Roca, Chus Fernández, Lois Pérez, Antonio Reigosa, Fran Alonso... Algunhas vinculadas á editorial Xerais, onde el publicaba, mais tamén ligadas á Fundación Alexandre Bóveda, que colaborou para pór en marcha todo. 

Propúxose a idea de facer unha homenaxe anual e itinerante para que Xabier siga na memoria de todo o mundo, con todo o que abranguía unha figura como a súa. Ao final, el tiña un cachiño de corazón en varias partes da Galiza: é un home moi relacionado coa Coruña, mais tamén se reivindicaba chairego, e como membro da Xeración Lamote tamén sería interesante pór un pé nos espazos nos que se moveu, que foron moitos. 

Na xornada contaron cunha multitude de persoas de diferentes eidos, poesía, música, narración oral, escrita... Como foi traballar con tanta xente?
Desde o primeiro momento tivemos claro que queríamos organizar unha xornada ambiciosa, que abranguese centros de ensino, sesión de contos arredor da súa figura e a propia gala na que participarían moitas das persoas que tiveron relación con Xabier desde diferentes eidos. 

Intentamos contar con todo o mundo, mais tamén é certo que el coñecía e tiña amizade con tantísima xente que ao final o proceso foi complexo. Tamén foi sinxelo ao mesmo tempo porque botamos man de persoas moi relacionadas con el de primeira man. 

Tivemos que facer unha selección de quen ía estar no escenario porque senón a gala podería terse estendido días. Dividimos a gala e ás convidadas en diferentes categorías para lograr un equilibrio: Xeración Lamote -Paco Martín, Fina Casalderrey e Xavier Senín-, poesía -Daniel Puente Bello, Yolanda Castaño, Dores Tembrás, Antonio García Teijeiro e Antía Otero-, narración oral -Lois Pérez, María da Pontragha, Antonio Reigosa e eu mesma-, e algunhas das súas amizades -Concha Blanco, Mercedes Queixas, Francisco Fernández Naval e Irene Penas-. Aí vas dándote de conta da cantidade de xente que quería a Xabier. Grazas a isto, en ningún momento houbo ningún tipo de problema. A xente estaba moi disposta e agradeceu que nos puxeramos en contacto. Tamén houbo persoas ás que lles tería gustado estar, mais que non foi posíbel, polo que quedarán para as vindeiras edicións. 

Alén da xornada, tamén hai un ciclo de cinema na sala Marilyn Monroe do Forúm Metropolitano (A Coruña) ao longo do mes de abril.
Este foi organizado por Martin Pawley, un grandísimo cinéfilo. Fixo unha selección de filmes que sabía que Xabier mencionaba. Creo que fixo unha selección moi interesante e que ademais nos abre un pouco a perspectiva sobre a súa figura. Xabier abrangue tantas cousas que tamén podemos abordalo de múltiples formas. Sendo tamén el un gran cinéfilo, utilizaba unhas referencias impresionantes. Se pensamos no libro A nena do abrigo de astracán, que fala das películas, está resumindo perfectamente o seu amor polo cinema e pola narración. Todas estas actividades son unha forma de ampliar a información, moita dela que el mesmo deixou por escrito. É concretar as súas ideas e os seus gustos a través de distintos formatos. 

Comentarios