As músicas de Fillas de Cassandra e Retimbrar e os poemas de Arancha Nogueira e María Isabel Fidalgo son os proxectos recoñecidos este ano polo Premios Ari(t)mar Galiza e Portugal, uns galardóns que teñen como obxectivo achegar a cultura e a lingua común dos dous países.
Os nomes das persoas e das obras distinguidas déronse a coñecer esta segunda feira no Centro Internacional de Prensa da Galiza, en Santiago de Compostela, onde o director de Ari(t)mar, Gonzalo Constenla, confirmou que a gala na que participarán as artistas e poetas gañadoras terá lugar o 10 de outubro no Auditorio da Galiza.
As escollas do público
Na oitava edición dos Premios Ari(t)mar máis de 6.000 persoas votaron as súas propostas favoritas a partir da obra publicada en Galiza e Portugal no pasado 2022. As elixidas como músicas gañadoras foron "II. Lisístrata", a coñecida como 'Varre Vasoira', de As Fillas de Cassandra, e "Maçazinha", do grupo portugués Retimbrar cos que colaborou a cantante galega Uxía.
No apartado de poemas, as poesías gañadoras foron "Mamá fala linguaxes de documentos predeterminados", de Arancha Nogueira, e "Se de repente perto fosse um verbo", da poeta portuguesa María Isabel Fidalgo.
O 10 de outubro tamén se entregará un premio especial á promoción da amizade galego-lusófona, que este ano recaeu na Associação Jose Afonso, difusora desde hai máis de tres décadas dos valores deste artista con tanta relación con Galiza.
A gala dos premios da música e da poesía galego-portuguesas está organizada pola Escola Oficial de Idiomas de Santiago, que onte contou co apoio de Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística; Miriam Louzao, concelleira de Cultura de Santiago, e Xosé Lago, subdirector de Agrupamento de Cooperación Transfronteiriza Galiza-Norte de Portugal.