Falece a poeta e activista Luz Fandiño

A alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, confirmou o seu pasamento aos 92 anos de idade.
Luz Fandiño
photo_camera Luz Fandiño

Defíníase a si mesma como poeta analfabeta, mais poucas persoas coma ela, nas súas mesmas circunstancias, tiveron tanta fame de saber e tanto orgullo pola cultura galega.

Ela era Luz Fandiño, a poeta insubmisa, unha muller, como dicía ela, demasiado rebelde como para, por exemplo, estar nun partido político: "Eu vou co pobo porque son pobo. Nin a bandeira nin o himno nin a loita polo país son de ningún partido".

Esta mañá, a alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, confirmou a través da súas canles nas redes sociais o pasamento aos 92 anos dunha muller que, ademais de no eido da poesía, significouse como activista feminista.

Nada na capital galega en 1931, concretamente no barrio de Sar, en 1952 fixo as maletas para desembarcar na Arxentina, desde onde emigra a Francia en 1962.

O retorno á Galiza foi en 1979, onde agroma a súa produción cultural, participando en volumes colectivos como Xuro que nunca volverei pasar fame. Poesía escarlata (2003) e lanzando libros de poemas individuais, como Farangulliña de neve (1998) ou O pracer de envellecer (2014).

En 2018 foi galardoada co premio Mestres da Memoria, distinción outorgada pola sección de literatura de tradición oral da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG)  e coa que se recoñece o labor de “informantes de literatura popular.

Xa o pasado ano 2023 recibiu, na modalidade 'Traxectoria', o Premio "Begoña Caamaño" á acción cultural pola igualdade de xénero. Este certame, que convoca a área de Cultura da Deputación da Coruña, busca  recoñecer e pór en valor as traxectorias de colectivos e persoas comprometidas coa promoción da igualdade de xénero desde o pensamento feminista e desde o campo da cultura, tanto no ámbito territorial da provincia como no conxunto do país. 

O xurado definira Fandiño como un "exemplo de coherencia, rebeldía e dignidade, pola súa loita polos dereitos das mulleres e por ser inspiradora para as novas xeracións, que a seguen a buscar para escoitar a súa abraiante peripecia persoal". 

Comentarios