David Barro, director museístico: "Non tiña un proxecto concreto para calquera tipo de museo, tíñao para Es Baluard"

David Barro vén de ser escollido como director de Es Baluard Museo de Arte Contemporánea de Palma (Illes Balears), sendo a súa a mellor das vinte propostas presentadas. Barro era, desde 2017, director da Fundación Didac (Compostela).
Neste mes de abril David Barro foi ratificado como novo director do museo Es Baluard (Foto: Nós Diario).
photo_camera Neste mes de abril David Barro foi ratificado como novo director do museo Es Baluard (Foto: Nós Diario).

Que lle interesaba de presentarse a este posto?
Coñezo moito a illa porque paso os veráns aquí desde 2015 e ademais xa traballara en Es Baluard. Paréceme un museo moi atractivo por varias circunstancias. Por unha parte, está situado nun lugar moi emblemático, coas mellores vistas de Palma e dentro do contexto histórico, mais con vistas a toda a arquitectura contemporánea. 

Ademais, o seu equipo está moi ben estruturado e é moi competente. É un luxo dentro dos tempos que corren. Por outra parte, ten unha colección moi atractiva, con máis de 800 obras de calidade, que para min debe ser a vía principal de coñecemento, de investigación e de divulgación para poder facer exposicións de tese con outras coleccións e poder contar, desde aquí, algunhas historias da arte.

Penso que o feito de que hoxe xa sexa un reclamo turístico obríganos a axudar a que Palma saliente aínda máis polo seu turismo cultural. A anterior directora dixo na súa despedida que Es Baluard estaba no mellor momento da súa historia e penso que é certo. 

É un museo que tivo unha traxectoria ascendente e espero que poida melloralo. Se non pensara que podo achegar cousas para facelo, non estaría aquí. Non tiña un proxecto concreto para calquera tipo de museo, eu tiña un proxecto para Es Baluard. 

Aínda así, o certo é que estaba moi ben na Fundación Didac [Compostela] cando saíu o concurso público para esta praza, estaba moi contento co traballo que facía na Galiza. 

E se non estivera seguro de que a fundación quedaba en boas mans non tería esta tranquilidade. Era o momento idóneo para un novo reto profesional, o cal non quere dicir que me esqueza da Galiza.

Como enfronta este reto?
Unha das preguntas que máis me fixeron é a cuestión da lingua. Comecei a miña presentación falando en mallorquino, a pesar de que aínda non o falo, porque quería mostrar que son moi consciente da importancia do idioma, que é a expresión sonora e a permanencia dunha cultura. Estou convencido de que non hai mellor maneira de protexer unha cultura e, como dicía Luís Seoane, de renovala. Agora traballarei con Mallorca e co arquipélago balear coa linguaxe universal da arte, mais entendendo este contexto particular. E penso que esa maneira que temos os galegos de entender a importancia da lingua tamén gustou aquí porque demostra que o compromiso está presente, máis aló de que nestes momentos sexa quen de falar mallorquino ou non. 

Pode adiantar algunhas das iniciativas do seu proxecto? 
A miña programación comezará a implementarse a finais de xaneiro de 2025, porque os museos traballan con moita antelación. 
O que podo revelar é que a programación destes primeiros anos armarase a través dunha triloxía que vai ir xerando as súas propias narrativas e teorías da historia da arte. Esta triloxía leva o título, en alemán, Nachleben, que é un concepto que se move entre a idea de pervivencia e a de supervivencia e que aparece e desaparece en distintas épocas da historia da arte.

A partir destas cuestións armamos toda unha programación, contando con artistas baleares así como do Estado español ou de nivel internacional. 

A idea é que os formatos de exposición sexan distintos: teses, gran formato, territorio... En xeral buscamos proxectos que mostren a arte como un desafío intelectual para chegar a outros lugares.

Comentarios