Volve o cinema a dous euros para persoas maiores de 65 anos

"É unha medida que pretende apoiar as salas de cinema do noso país, que son un auténtico patrimonio cultural", salienta o ministro Ernest Urtasun.
cinema
photo_camera Unha sala de cinema. (Foto: Nós Diario)

O Boletín Oficial do Estado publica esta cuarta feira o Real Decreto polo que se aproba a segunda edición do Programa Cinema Senior, para que persoas maiores de 65 anos poidan ir ás salas de cinema todas as terzas feiras por dous euros, e ao que se destinará 12 millóns de euros, un 20% máis de orzamento que na primeira edición.

O decreto, asinado polo ministro de Cultura, Ernest Urtasun, detalla que a entrada en vigor da norma producirase o día seguinte ao da súa publicación no BOE, aínda que o programa non estará a disposición até finais de abril ou principios de maio. Así o explicou esta terza feira o titular de Cultura na rolda de prensa posterior ao Consello de Ministros, onde detallou que a medida vai dirixida a 9,5 millóns de persoas de máis de 65 anos en todo o Estado, a quen se lles permitirá acudir ás salas de cinema por este prezo reducido.

"É unha medida que pretende apoiar as salas de cinema do noso país, que son un auténtico patrimonio cultural. Damos un paso máis, pero sobre todo, á garantía do dereito que toda persoa no noso país ten de acceder á cultura, independentemente da súa orixe, da súa idade ou da súa renda", sinalou.

Urtasun explicou que nesta nova edición Cultura "mellorou" o sistema de repartición nas salas de cinema coa creación dun fondo de reserva de 1,75 millóns de euros, porque na primeira edición algunhas salas quedaron sen crédito e "non puideron levar o programa até o final". "Melloramos o sistema de repartición, destinando máis recursos naquelas salas que acollen un maior número de espectadores de 65 anos ou máis. Creamos un fondo de reserva de 1,75 millóns para que non se esgote o crédito", agregou.

Na súa primeira convocatoria, adheríronse un total de 420 cinemas de todo o Estado, pero só 28 cinemas gastaron todo o recibido nestas axudas, segundo datos facilitados polo Goberno español o pasado 26 de decembro nunha resposta parlamentaria ao grupo do PP.

Entre as novidades desta edición, as persoas maiores de 65 anos tamén poderán adquirir as entradas co desconto de maneira virtual, e non só en despacho de billetes, e acordouse unha campaña de publicidade na que participarán exhibidores e distribuidores, xunto ao Ministerio de Cultura.

Urtasun asegurou que o cinema é un sector "clave" para a cultura e lembrou que ás salas de cinema custoulles máis recuperarse despois da pandemia, en parte pola caída do público maior de 65 anos, como apuntou. "O noso obxectivo fundamental é garantir os dereitos culturais a toda a poboación e en todo o territorio", recalcou.

A respecto da primeira edición, o ministro sostivo que foi un "auténtico éxito" porque a asistencia aumentou nas terzas feiras até 49%, en relación ao ano anterior, ao pasar de 2,7 millóns de espectadores aos catro millóns. Ademais, engadiu que a asistencia os martes medrou o dobre que o resto de días da semana.

Comentarios