A Cidade da Cultura segue sen proxecto

Nin proxecto, nin público. A Cidade da Cultura, que baixa en número de asistentes ás actividades culturais, non consegue definir obxectivos. A Xunta da Galiza vén de ofrecer un balance do ano 2022 que constata a indefinición do complexo do Gaiás e a incomparecencia da "nova etapa" anunciada en 2021.
En xuño de 2022, a Cidade da Cultura foi escenario da entrega de diplomas á quinta promoción das Bolsas Excelencia Mocidade Exterior.
photo_camera En xuño de 2022, a Cidade da Cultura foi escenario da entrega de diplomas á quinta promoción das Bolsas Excelencia Mocidade Exterior. (Foto: Xunta de Galiza)

"Unha das dez infraestruturas culturais máis importantes do mundo”. Así definiu Manuel Fraga a Cidade da Cultura cando o proxecto se puxo en marcha. "A culminación dun soño", declaraba Alberto Núñez Feixoo ao inaugurar en 2021 o Edificio Fontán, que supostamente daba por finalizado un proceso de construción que se alongara a través de dúas décadas de atrasos, sobrecustos e irregularidades no financiamento. 

Deseñada nun momento en que se puñan en marcha centros como o Guggenheim de Bilbao ou a Cidade das Artes e das Ciencias de Valencia, a infraestrutura do Gaiás quedou moi lonxe daqueles modelos para transformarse nun complexo desmesurado cuns obxectivos vagos e indeterminados que o levan a acoller dependencias administrativas e equipamentos informáticos, ou a transformarse en centro de vacinación e mesmo en escenario do xuízo do accidente ferroviario de  Angrois. 

A Xunta de Galiza fixo público esta semana un primeiro balance da actividade da Cidade da Cultura en 2022, anunciando que o complexo do Gaiás superou "o millón de visitas", e que "máis de 190.000 asistentes" participaron en "actividades culturais". 

Menos dunha quinta parte

A falta dun informe máis detallado, pódese deducir que menos dunha quinta parte do público acudiu convocado pola programación cultural. E isto a pesar dun esforzo manifesto da Xunta, que presume neste balance dunha "cifra récord de 28 exposicións organizadas nun mesmo ano". Aínda así, o número de visitantes cae a respecto de 2021, cando se contabilizaron 1,18 millóns de visitas das que 230.000 se adscribían ás actividades culturais. 

A entrada a estas exposicións -así como a maioría das actividades culturais- é de balde. Se queremos continuar a comparación coas infraestruturas culturais coas que se quería medir a Cidade da Cultura, podemos lembrar, por exemplo, que o Guggenheim -moito máis concreto nos seus obxectivos- bateu un récord de visitantes en 2022, con 1.247.599 de entradas vendidas a 15 euros para os adultos e 7,5 para estudantes e xubilados. 

En decembro de 2021, a Xunta deu a coñecer o Plan estratéxico da Cidade da Cultura para o período 2021-2027, no que se advertía o anhelo por apartar o Gaiás da polémica permanente na que se vía envolto -o Consello de Contas chegou a emitir un informe no que se afirmaba que a Administración galega "abdicara das súas responsabilidades na xestión prudente e planificada dos fondos públicos"- e pola súa incapacidade para definir un proxecto concreto que dotase de personalidade o complexo. 

Unha imaxe 'lastrada'

O documento recoñecía que “o Gaiás non é un centro cunha actividade única cultural, senón que abrangue outras funcionalidades que fan que o seu recoñecemento como centro cultural sexa ás veces confuso”, e que “as novas relacionadas con usos alternativos e todo o que ten que ver con traballadores da Administración no complexo lastran a súa imaxe”. 

En consecuencia, sinalábase a necesidade de "reforzar unha identidade recoñecíbel" que apostase por "unha comunicación e ton cultural fronte a un estilo e ton administrativo”. 

Porén, o balance presentado agora pola Xunta teima en mesturar logros culturais con resultados máis propios doutros negociados. Así, por exemplo, destaca as 130 persoas que traballan no Consello Interuniversitario do Sistema Universitario de Galiza, a Axencia para a Calidade do Sistema Universitario, o Instituto de Ciencias do Patrimonio (INCIPIT-CSIC) ou o Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais. 

O informe da Xunta, ademais, sinala que o ano veu marcado pola internacionalización, mesturando a exportación de mostras de produción propia -como  a dedicada a Laxeiro, que se exhibiu en Madrid e viaxará ao Instituto Cervantes de París- coa adquisición doutras producidas por entidades foráneas e que xa viaxaran extensamente por outros lugares -como Obxectos de desexo. Surrealismo e deseño 1924-2020, producida por La Caixa e o Vitra Design Museum. 

A falta de orientación revélase na necesidade de xustificar que a estrutura se converta en centro de vacinación ou en macrosala xudicial louvando "a capacidade das instalacións" que "serve á Xunta de Galiza para dar resposta a demandas especiais". Ou que presuma de "mellorar os atractivos dos espazos exteriores" cunha pista de BMX (unha modalidade de ciclismo) e mesmo cun labirinto "construído a xeito de instalación artística" (sic), para darlle unha "segunda vida a placas de formigón sobrantes da estrutura do Teatro da Música".Un teatro, por certo, que nunca chegou a construírse.

Continúa a opacidade no financiamento

O balance da Xunta non di nada sobre canto custa unha programación que segue sen ofrecer grandes atractivos para o público galego. A opacidade no financiamento da Cidade da Cultura segue a ser unha constante nun proxecto que xa detraeu máis de 350 millóns de euros das arcas públicas.

Comentarios