Agora
O conxunto ferrolán regresa tras caer nos cuartos da Copa. (Foto: Baxi Ferrol).
Agora

Acción na liga de baloncesto para Celta de Vigo e Baxi Ferrol

Dous dos representantes da Galiza na máxima categoría do baloncesto feminino estatal, Celta Zorka Recalvi e Baxi Ferrol, entrarán en acción no día de hoxe, unha vez deixada atrás a parada imposta pola disputa dunha Copa da Raíña na que o Valencia da estrela galega Raquel Carrera superou con contundencia Casademont Zaragoza -verdugo do Baxi nos cuartos de final (75-49)- por 77 puntos a 53. Precisamente será a escuadra ferrolá a primeira en entrar en acción, ás 18 horas no Pavillón Municipal da Malata. Enfronte terá IDK Euskotren, un rival directo na zona media da clasificación, pois a formación vasca é oitava con 13 triunfos, mentres que a galega é décima cun menos. Pola súa parte, o conxunto celeste, antepenúltimo con oito vitorias, colide ás 20 co quinto, o Girona. 
A proba regresa á Cidade das Burgas. (Foto: Marusía - Club In Mare).
Agora

O mellor da rítmica internacional, en Ourense

O Pazo dos Deportes Paco Paz da Cidade das Burgas tornará, unha vez máis, na capital galega da ximnasia rítmica grazas á duodécima edición do torneo 'Ourense, a provincia termal', que comeza hoxe e que se estenderá até o domingo, 31 de marzo. Nesta ocasión daranse cita máis de 1.400 ximnastas procedentes de países como Ucraína, Xeorxia, Alemaña, Hungría, Romanía, Italia e Armenia, así como de practicamente todos os currunchos do Estado español. Segundo explicou a organización, neste 2024 o certame consolida o "importante incremento" no número de participantes, pasando así das 165 ximnastas da primeira edición de 2011 ás 1.300 do pasado ano 2023.

Dúas persoas atendendo nunha tenda de xoguetes. (Foto: Álex Zea / Europa Press)

#comercio #tenda
Agora

As vendas do comercio polo miúdo soben 2,8% na Galiza, dous puntos menos que no Estado

O comercio retallista galego incrementou 2,8% as súas vendas o pasado febreiro en comparación co mesmo mes de 2023, segundo os datos publicados esta cuarta feira polo INE. Esta cifra, con todo, supón dous puntos porcentuais menos que a media estatal (+4,8%), sumando así 15 meses á alza. No que vai de exercicio, na Galiza este tipo de estabelecementos incrementou as súas vendas 2,4% de media, e un 3,4% a nivel estatal. En cando á ocupación, na Galiza baixou 0,1% en febreiro e esa mesma porcentaxe no que vai de ano, mentres que o comercio polo miúdo español incrementou a súa ocupación 2,1% en febreiro e un 2% no acumulado de 2024.
En papel
Humor
Locais de hostalaría onde podes ler 'Nós Diario'