Opinión

Galego vivo, Galiza viva!

Aunha semana da manifestación convocada pola plataforma Queremos Galego para o 17 de maio ás 12 horas na alameda de Compostela, cómpre que todas fagamos un esforzo por publicitar a convocatoria e por garantir que as nosas voces enchan as rúas de Compostela. Un galego forte e vivo para unha Galiza viva e con futuro. Hai moitos anos que xa o deixou escrito Castelao "se aínda somos galegos é por obra e graza do idioma".

A perda paulatina de falantes –sobre todo entre a xente moza– e á que tanto contribúe o desleixo da Xunta abócanos a unha situación grave para o futuro da lingua. Cómpre non esquecer que esta substitución da lingua propia por outra traída de fóra é sempre consecuencia dun proceso de colonización política; a historia demóstranos que cando o noso país foi máis poderoso é cando a nosa lingua era plenamente normal.

En declaracións, o novo conselleiro de Cultura e Lingua volvía coa ladaíña do bilingüismo harmónico, mais todas nós debemos esixir un compromiso real que se plasme nun texto legal que comprometa a sociedade e que obrigue a Administración. A norma actual outorga dereitos individuais de uso pero como non obriga as institucións é papel mollado. Precisamos cambios lexislativos. Na actualidade, a consideración do castelán como lingua oficial implica o dereito de usalo e o deber de coñecelo. Os poderes públicos de Galiza non poden consentir un menor status legal para o galego, a non ser que queiramos que este sexa estranxeiro na súa patria. Os cidadáns e cidadás da Galiza deben ter a obriga de coñecer e o dereito de usar o idioma galego en todo momento e en todo lugar e de velo plenamente normalizado e socialmente vivo.

Remato con palabras de hai máis de 130 anos. Dicía Murguía nos Xogos Florais de Tui, de 1891, "o galego, que é o que nos dá dereito á enteira posesión da terra en que fomos nados, que nos di que pois somos un pobo distinto debemos selo; que nos promete o porvir que procuramos, e nos dá a certeza de que ha de ser fecundo en bens para nós todos".

Comentarios