Opinión

Rueda pola porta de atrás

[Alberte Mera]

A Lei de medidas fiscais e administrativas da Xunta da Galiza é máis coñecida por outros dous nomes: lei de acompañamento dos orzamentos ou lei da porta de atrás. Este tipo de norma naceu coa finalidade de mudar automaticamente cuestións relacionadas cos ingresos e gastos dos orzamentos. Así, pódense aprobar os orzamentos e inmediatamente seren autoemendados (fainos a Xunta e eméndase a Xunta). Pero por que iso de "pola porta de atrás"? Porque non só mudan as contas públicas senón que tamén mudan leis que non teñen a ver cos orzamentos, e faise mediante un procedemento de tramitación acelerada e sen debate parlamentario. 

E así, pola chamada porta de atrás é que o Goberno de Alfonso Rueda tentou recortar e limitar a 15 anos o prazo para actuar contra construcións ilegais no litoral, erguendo as acusacións da oposición sobre o intento de dar un "pelotazo urbanístico" furtando ademais, con esa porta traseira, a posibilidade de abrir un debate na Cámara sobre tal cuestión. 

Agora Rueda encaixa o revés xudicial que supón a sentenza do Tribunal Constitucional que anula eses artigo da lei de acompañamento cos que o Goberno de Rueda quería pór couto ao tempo para poder actuar contra esas edificacións ilegais na costa. Fagan ben a dixestión na Xunta e non fagan mais leis agresivas contra o medio ambiente.  

Comentarios