Opinión

Evanxélicos

Se algo chama a atención a quen percorre os barrios de Vigo é a presenza, cada vez máis abundante, de centros de día para persoas maiores e de igrexas evanxélicas. Estes dous tipos de locais, pouco frecuentes ata tempos recentes, dinnos moito sobre os cambios sociolóxicos que se están producindo en Galiza. Unha sociedade moi envellecida e necesitada de coidados en tempos nos que a familia xa non cumpre as funcións de antano, mantén unha relación de complementariedade desigual coa presenza, cada vez máis visible, de traballadores e traballadoras inmigrantes, especialmente latinoamericanas, dedicadas á limpeza, aos coidados e á hostalaría (os traballos máis ingratos e peor pagados). 

Nun tempo no que, por fortuna, a asistencia aos templos católicos é cousa só dalgúns anciáns (cousa diferente é o poder que aínda posúe a igrexa católica a través da súa introdución no sistema educativo e dos seus medios de comunicación) as igrexas evanxélicas espállanse polos barrios das cidades como metástases con parecido obxectivo ao das casas de apostas: captar e alienar a clase traballadora. Que esta estea constituída, de xeito crecente, por xente chegada de países onde esas igrexas xa eran fortes contribúe a que aquelas arraiguen e prosperen. 

Desde o clásico de E.P. Thompson A formación da clase obreira en Inglaterra (1963), sabemos da importancia das seitas relixiosas na xénese do movemento obreiro: nada sería igual sen os anabaptistas! Ten toda a lóxica: relixión vén de religare, de volver unir a comunidade. Compartir un credo é o principio básico para a conformación de calquera consciencia colectiva. Pero polo exemplo dos Estados Unidos e de moitos países suramericanos, sabemos tamén do carácter ultrarreaccionario desas igrexas protestantes que fornecen a clase obreira do amparo social do que carecen desde que o movemento obreiro foi desmantelado. 

Os perigos que supón a existencia dun sector privatizado dedicado ao coidado dos vellos xa ficou patente durante a pandemia coas mortes aínda non esclarecidas. Do perigo da proliferación das igrexas evanxélicas aínda non somos conscientes porque de momento non teñen a forza suficiente para actuar coma un lobby organizado. Se cadra, cando reparemos nelas sexa xa demasiado tarde.

Comentarios