Opinión

Eurohipócritas

O Parlamento Europeo vén de publicar un emotivo vídeo para incentivar a participación nas eleccións europeas do 9 de xuño. Está fiado con testemuños de persoas que viviron a guerra, o xenocidio e o xugo do autoritarismo, a represión e a privación de liberdade en estados como Romanía, Letonia, Chequia ou Alemaña. "Nunca hai que dar por sentada a democracia", sinala no vídeo un dos participantes. Todo iso que nos aconteceu nun pasado próximo, no breve ciclo de vida da democracia europea, faino rexurdir hoxe a Eurocámara para lembrar o moito que custou chegar ata aquí e a importancia de preservalo.

As europeas son as eleccións máis preguiceiras que se nos poden poñer por diante. Un caldo de cultivo para as forzas políticas de extrema dereita que, con máis ou menos sorte nos seus territorios, saben como aproveitar a participación cada vez menor nestes comicios para xuntarse e brillar. Á Unión Europea preocúpalle que esta sexa a estratexia das forzas ultras autieuropeas para dar un golpe no taboleiro político. A nós, que temos na man o poder do voto, debería preocuparnos algo máis.

Hai exactamente 7 meses e 3 días do ataque de Hamás que lle serviu de pretexto a Israel para entrar en Gaza e arrasar con todo. As bombas baixo as que sucumbiron edificios, hospitais e vidas humanas, moitas que apenas coñeceron o que é a vida, non son diferentes ás que caeron en Bosnia, en Guernica ou en Berlín, e moito menos o seu efecto brutal. A gran diferenza é o posicionamento europeo cara a estes ataques.

Mentres o Europarlamento nos prevén de guerras e autoritarismos con lembranzas do século XX, Eurovisión censura nas redes a actuación dun artista que saíu a escena cun pano palestino atado ao pulso. É un festival da canción que non ve, non fala, non escoita e escolle interesada e arbitrariamente a que estados agresores premia e a cales censura. Dende a invasión e a guerra en Ucraína, Rusia está vetada no certame. Israel, pola contra, vai participar de novo nesta edición.

Contra todo isto, hai unha Europa que se mobiliza, que sae á rúa e protesta nas universidades, que berra xenocidio e se enfronta á Policía, e algúns poucos territorios, como Irlanda e España, amagan con recoñecer nalgún momento o Estado palestino. Hai, malia todo, unha masa crítica capaz de votar para botar abaixo os muros de hipocrisía que a Unión Europea foi construíndo arredor de si mesma.

Comentarios