Opinión

'Sapere aude'

Ilustración e razón. Dúas palabras antigas. Hoxe en caída libre porque nin cotizan en bolsa nin gañan eleccións. O desprezo crecente polo saber instalouse incluso na escola. A pesar de que nos conmoven filmes nos que lembramos as aulas e aos mestres como un espazo de liberdade e pensamento, hoxe o tempo docente está colonizado pola burocracia estéril. Aínda que non o aceptemos, o neoliberalismo gaña terreo nos centros educativos e palabras baleiras ou propias da empresa como empregabilidade, xestión emocional ou conta de resultados suplen a pensamento, reflexión e coñecemento. Palabras antigas.

Neste contexto, a ética, como materia para reflexionar sobre o comportamento moral humano desterrouse por completo. A moral fica reducida a un ámbito privado e íntimo que a reduce a unha psicoloxización crecente. Como se todo fora unha cuestión de emocións e sentimentos, a cacarexada empatía suple á xustiza como medida nos nosos xuízos morais. Tan empáticos e empáticas estamos que ante un xenocidio pouco máis que mensaxes en redes somos quen de facer.

Cando chegaron Johanna Gottfried e Theodora Krauss e viron este desatino da razón non foi fácil para elas, mulleres ilustradas, aceptar o pouco avance moral da nosa sociedade. Durante máis dunha década debatéronse entre volver á Prusia do século XVIII e convencer a Kant de que as cousas non ía ben co seu encadramento ou ficar aquí e tentar mudar a nosa realidade. Formadas na arte da palabra e da conversación andaron por moitos centros de ensino e teatros do país, saíron incluso ao resto do Estado reclamando sempre o dereito a pensar e rir como actos humanos. Alí onde foron chamadas repetiron e repetiron que compre atreverse a saber, sapere aude. Afirmación esta que ficou no aire dos teatros e as aulas loitando contra as epistemoloxías da ignorancia que se desprenden de redes e xornais. Polo de agora, sen máis datos semellan gañar as segundas. Mais, como elas ben explicaban, a dialéctica do real pode darnos sorpresas nun futuro.

Johanna Gottfried e Theodora Krauss viaxan este mércores a Compostela para despedirse. Logo deste último Té con Kant, semella que decidiron poñer rumbo a Königsberg. Non podería existir mellor despedida que nun congreso de Feminismos e Humor. Moito as botaremos en falta. Aquí deixan pegada nunha cultura que lle debe momentos de risa intelixente. Unha cultura que precariza aos actores e actrices, abandonando as compañías teatrais á súa sorte. Vivir do teatro é un acto de entusiasmo e resistencia. Parabéns a Marta Pérez e María Roja polo entusiasmo e a resistencia. Polo bo facer. Algo extensivo a tantas mulleres e homes que agardan á semana das letras para ter funcións musicais ou de teatro, para vender algún libro ou poder ter un recital. Vivir dignamente do traballo cultural non debería ser a excepción.

Amigas prusianas, boa viaxe e grazas por compartir horas de risas ilustradas con nós. A razón pode xerar monstros, mais a súa ausencia deixa que nos devoren.

Comentarios