O Rosal, A Guarda e Caminha avanzan na formación da eurocidade Foz do Miño

Unha nova eurocidade transfronteiriza avanza para aproveitar o espazo internacional que o esteiro do Miño debuxa na Guarda, O Rosal e Caminha. Hai “entusiasmo” entre as Alcaldías as tres cidades que comparten unha realidade social que aspira a materializarse na Foz do Miño. 
Fernández, Lages e Lomba, esta segunda feira en Caminha (Foto: Nós Diario).
photo_camera Fernández, Lages e Lomba, esta segunda feira en Caminha (Foto: Nós Diario).

Os concellos galegos do Rosal e A Guarda (O Baixo Miño), e o portugués de Caminha están desde esta segunda feira un paso máis perto de converterse na eurocidade Foz do Miño. Ese é o nome que xa teñen elixido para esta entidade que os levará a unir proxectos e políticas de desenvolvemento a un e outro lado do río, consolidando así o "sentimento de irmandade e o modo de vida que desde sempre desenvolven os habitantes nunha e a outra beira do Miño", ao que consideran “non unha fronteira, senón a nosa realidade”. Os tres concellos sumarán unha eurocidade con 32.229 habitantes e unha superficie de case 130 quilómetros cadrados.

Esta segunda feira, a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís (BNG), o rexedor de Caminha, Rui Lages (Partido Socialista) e o concelleiro da Guarda Isidro Lomba (PP), mantiveron un encontro na cidade lusa para avanzar na constitución desta eurocidade, na que levan traballando anos. Os responsábeis municipais coincidiron en sinalar que “agora é o momento” de lanzar este proxecto. O primeiro paso, segundo explicou a alcaldesa do Rosal a Nós Diario, será levar aos seus respectivos plenos municipais unha declaración formal e conxunta de conformación da eurocidade. Os tres concellos acordaron este primeiro compromiso, que no caso da Guarda e O Rosal farase efectivo este mesmo mes de maio. En Caminha o vindeiro pleno da Cámara municipal será xa en xuño.

A partir destes acordos a nivel municipal comezará o procedemento burocrático para levar adiante a constitución formal da eurocidade, e os acordos plenarios terán que ser primeiramente referendados pola Xunta da Galiza e o Goberno portugués, respectivamente. Unha vez que os tres concellos conten con esta validación dos seus gobernos supramunicipais terán que percorrer outros trámites até facer efectiva a eurocidade, pero todos eles destacaron a importancia deste “primeiro paso da aprobación municipal” e amosáronse confiados en que superarán o resto dos trámites. Coincidiron os representantes políticos das dúas beiras do Miño en que con estes pasos que están a dar resposta a “unha realidade social que o viña demandando, un traballo conxunto para valorizar a cuestión transfronteiriza como algo positivo”. A alcaldesa do Rosal destaca que “hai moita vida a unha e a outra beira do Miño, somos un mesmo pobo”. Fernández destaca os lazos culturais, sociais e económicos que existen de sempre entre os tres concellos “unidos tamén polas permanentes reivindicacións” en materia de mobilidade.

A realidade do día a día é que alén destas dificultades infraestruturais, a veciñanza desta zona fai vida a ambos os lados do Miño. Esta realidade fixo que Ánxela Fernández, desde que chegou á Alcaldía do Rosal en 2019, se puxera a traballar para facer realidade “a única eurocidade que queda por facer na zona”, explica a Nós Diario a rexedora. A Foz do Miño será a quinta eurocidade entre a Galiza e Portugal, xunto a Chaves-Verín, Tui-Valença, Salvaterra-Monçao e Tomiño-Cerveira.

Compromisos

Un documento asinado esta segunda feira expresa a natureza das eurocidades como organismos que teñen por obxectivo “a promoción da converxencia institucional económica, social, cultural e ambiental, impulsando a posta en marcha de servizos comúns como instrumentos dinamizadores da convivencia entre as poboacións dos diferentes territorios”. Explicaron os responsables políticos que o documento é “un bosquexo do que será finalmente unha declaración de intereses definitiva”. 

O acordo está dividido en catro puntos, a comezar por definir o obxecto da futura Eurocidade e a súa finalidade para logo no seu segundo punto enumerar os obxectivos da Declaración, que consta de 16 puntos que deixan aberta a posibilidade de incluír outros aspectos que poidan ser considerados necesarios máis adiante. 

No terceiro punto especifícanse as áreas de intervención, que abranguen Cultura, Deporte, Turismo, Desenvolvemento Municipal, Recursos Humanos, Educación, Política Social, Medio Ambiente e Gastronomía, entre outros que poidan considerar oportunos ao longo do proceso. 

O cuarto punto estabelece as finalidades da futura eurocidade, desde a análise de asuntos de interese común até intercambio de misións empresariais; intercambio de información, documentación e materiais; organización de feiras, seminarios e congresos; intercambio de técnicos, especialistas e profesionais; formación e capacitación de recursos humanos; intercambio cultural, deportivo e artístico ou a promoción conxunta e fomento de formas de relación entre axentes, estruturas e entidades públicas e privadas, susceptíbeis de contribuír ao desenvolvemento dos respectivos territorios transfronteirizos.


Reivindicacións da eurocidade

O Rosal, A Guarda e Caminha teñen un forte vínculo no río Miño, e arredor del pivotarán pivotar moitas das súas reivindicacións xa como eurocidade Foz do Miño. Ánxela Fernández, alcaldesa do Rosal, explica a Nós Diario que o Camiño Portugués atravesa os tres municipios “pero temos un problema co río, unha enfermidade que ten o Miño e que non se atende porque todos se escusan no seu carácter internacional”. O Miño é o río máis importante da Galiza, pero na zona critican que “non hai unha estratexia nin da Xunta da Galiza nin do Estado para resolver os seus problemas”. 

Constituídos como eurocidade, os e a rexedora da futura “Foz do Miño” agardan ter o peso político, social e económico para que estas demandas arredor das comunicacións, infraestruturas e saneamentos saian adiante con máis facilidade.
 

Comentarios