O PSdeG está con Pedro Sánchez e quere que ao presidente español lle conste este apoio. Este sábado, 27 de abril, será día de mobilización dos socialistas galegos, tal e como anunciou esta sexta feira a presidenta do PSdeG, Carmela Silva, nun acto en Vigo de respaldo ao titular da Moncloa.
Prevese que na madrugada do sábado saian autobuses de Pontevedra, Lugo e Ourense para asistir á mobilización convocada ás 11 horas do sábado ante a sede de Ferraz.
Ademais, nun contexto no que o PSdeG celebra no domingo o seu congreso extraordinario, o partido tamén convoca concentracións ante as Casas do Pobo na Galiza.
Silva trasladou "en nome de toda a militancia" o apoio a Pedro Sánchez fronte ao "linchamento público" e á "estratexia premeditada, deseñada, orquestrada" pola "dereita e a ultradereita que pon en perigo a democracia".
Ademais, Alcaldías de cidades do Estado español asinan un manifesto no que sinalan que Sánchez é vítima de 'lawfare'. Entre as persoas asinantes, destacan a rexedora da Coruña, Inés Rei, e mais o de Vigo, Abel Caballero.