O recoñecemento de Palestina, cada vez máis perto: esta é a data que manexarían España e Irlanda

O Goberno español segue evitando precisar unha data concreta que si se atreve a vaticinar a televisión pública irlandesa, se ben reitera que a decisión está xa "tomada" e que non se demorará demasiado.
Mobilización propalestina en Barcelona, esta cuarta feira. (Foto: Marc Asensio Clupes / ZUMA Press W / DPA vía Europa Press)
photo_camera Mobilización propalestina en Barcelona, esta cuarta feira. (Foto: Marc Asensio Clupes / ZUMA Press W / DPA vía Europa Press)

A televisión pública irlandesa, RTÉ News, apunta á terza feira 21 de maio como a data na que Irlanda, España e outros países da Unión Europea recoñecerían oficialmente o Estado de Palestina. Segundo a citada fonte, os contactos entre ambos os países así como con Eslovenia e Malta intensificáronse con vistas a que os territorios recoñezan conxuntamente Palestina, barallando o 21 de maio como opción, que xustamente coincide co Consello de Ministros.

Precisamente, o presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, mantivo unha conversa telefónica a pasada segunda feira co primeiro ministro irlandés, Simon Harris, na que resaltaron a importancia de recoñecer formalmente o Estado palestino e acordaron dar "en breve" o paso, aínda que sen entrar en posíbeis datas.

Aliás, a portavoz do Executivo, Pilar Alegría, reafirmou esta terza feira, tras o Consello de Ministros, a vontade de Moncloa de recoñecer Palestina como Estado no primeiro semestre do ano conforme ao "calendario" que fixou o presidente, despois de que a vicepresidenta segunda, Yolanda Díaz, reclamase nos últimos días dar o paso de forma inmediata.

Neste sentido, reivindicou o papel de "líder" de Sánchez a nivel europeo e internacional sobre a súa postura a favor do recoñecemento do Estado palestino e os seus contactos permanentes para "conseguir ese obxectivo" que o levou a asinar unha declaración conxunta con Irlanda, Malta e Eslovenia no pasado cumio europeo de marzo. Actualmente, só oito estados membros da UE recoñecen o Estado de Palestina, sendo o máis recente Suecia en 2014.

Preguntado esta quinta feira ao respecto, o ministro de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación, José Manuel Albares, non quixo "anticipar" se España recoñecerá o Estado palestino o próximo 21 de maio, como anticipa a televisión pública irlandesa, pero deixou claro que a decisión de facelo está xa "tomada".

En declaracións aos medios antes de participar nun acto con motivo do Día de Europa xunto ao Alto Representante para a Política Exterior da UE, Josep Borrell, incidiu en que a decisión se coñecerá cando a adopte o Consello de Ministros, e reiterou novamente que "España é un país soberano" para dar este paso e non ten que facer "seguidismo" nesta cuestión.

Con todo, reiterou que o Goberno segue traballando con outros países europeos para proceder ao recoñecemento de Palestina de forma concertada cando sexa o momento adecuado. Tamén defendeu que recoñecer o Estado palestino é unha cuestión "de xustiza" e tamén de "humanidade".

Comentarios