630.000 palestinas foron expulsadas de Rafah desde o comezo do asalto israelí á urbe a pasada semana

Perante a cobertura diplomática que os Estados occidentais seguen a brindar a Israel, o Estado sionista de Israel concéntrase agora en atacar Rafah e o campo de refuxiados de Jabalia.

Crianzas palestinas a sexta feira nas ruínas da Clínica Al-Sabra, destruída por un ataque do exército israelí contra Gaza. (Foto: Khaled Daoud / Zuma Press / ContactoPhoto / Europa Press)
Editorial licence valid only for Spain and 3 MONTHS from the date of the image, then delete it from your archive. For non-editorial and non-licensed use, please contact EUROPA PRESS.
17/5/2024 ONLY FOR USE IN SPAIN
photo_camera Crianzas palestinas a sexta feira nas ruínas da Clínica Al-Sabra, destruída por un ataque do exército israelí contra Gaza. (Foto: Khaled Daoud / Zuma Press / ContactoPhoto / Europa Press)

A Axencia da Organización das Nacións Unidas (ONU) para as refuxiadas e refuxiados palestinos elevou a sexta feira a 630.000 a cifra de persoas que foron forzadas a fuxir de Rafah desde o inicio do intento de invasión israelí da cidade a pasada semana. A urbe palestina, na que se localiza o cruce fronteirizo entre Gaza e Exipto, acollía antes do ataque 1,7 millóns de gazatís, o mesmo díxito de persoas desprazadas de maneira forzosa no interior do enclave, que suma 2,3 millóns de persoas, e que chegaron alí escapando -en múltiples casos varias veces- da agresión militar israelí que comezou en outubro contra o territorio.

A entidade advertiu que Deir al Balah, unha cidade no centro da Faixa á que se están a dirixir moitas persoas, está “insoportabelmente poboada” e en “condicións espantosas”, após meses de bombardeos indiscriminados israelís contra a poboación civil e as infraestruturas de Gaza, acabando cos servizos públicos, acompañado da obstaculización da entrada de axuda humanitaria.

Noutro dos lugares aos que fuxe a xente, al Mawasi, a situación é “moito máis catastrófica” que calquera cousa que vira, destaca Javed Ali, que lidera na área o Corpo Médico Internacional.

O Programa Mundial de Alimentos da ONU asegurou que “a ameaza de fame masiva en Gaza nunca foi tan grande” logo do ataque israelí ao leste de Rafah, que incluíu a toma do paso fronteirizo, o que levou á suspensión das operacións do organismo, que criticou un asalto que provocou “un revés significativo aos recentes e modestos avances no acceso” a Gaza.

Amais, funcionarios da ONU sostiveron na canle Al Jazeera que non entrou axuda por ningún cruce, e a Organización Mundial da Saúde (OMS) denunciou que as últimas subministracións médicas que recibiron no enclave datan do 6 de maio. “Non temos combustíbel”, subliñou. O Goberno gazatí alertara do colapso do sistema sanitario pola falta de combustíbel. Menos dun terzo dos hospitais de Gaza funcionan parcialmente por mor do bloqueo e nalgúns casos ao destruír as tropas israelís os centros médicos.

Malia que os Estados Unidos anunciaron que comezou o desembarco de axuda humanitaria por un peirao temporal instalado na costa de Gaza, Farhan Haq, voceiro de António Guterres, secretario xeral da ONU, incidiu na necesidade de que se abran as rutas terrestres, posto que “levar axuda ás persoas necesitadas de Gaza e a través dela non pode nin debe depender dun peirao flotante lonxe de onde as necesidades son máis agudas”.

Pola súa parte, Human Rights Watch acusou o Estado sionista de Israel de manter os “rexeitamentos arbitrarios” á entrada de “artigos críticos” de axuda.

En todo caso, o primeiro ministro do Goberno de ultradereita de Israel, Benjamin Netanyahu, inculpou Exipto por non querer colaborar cos soldados sionistas á hora de reabrir o cruce de Rafah, ao que o presidente exipcio, Abdel Fattah al Sisi, contestou responsabilizándoo de violar co asalto ao lugar os acordos de seguridade, que recollen que só os palestinos poden estar ao cargo.

Presión limitada de aliados israelís

Guterres insistiu en que “calquera ataque a Rafah é inaceptábel”, causando “outra onda de dor e miseria cando precisamos unha onda de axuda para salvar vidas”.
Trece Estados, entre eles varios aliados israelís, como Alemaña, Italia ou Francia, asinaron unha carta reclamando a fin do asalto a Rafah e que se permita a entrada de máis axuda humanitaria, pero aínda non puxeron en marcha ningunha medida ao respecto e conservan o apoio ao réxime israelí.

Así e todo, Israel xa ignorou a ameaza do presidente estadounidense, Joe Biden, de suspender parcialmente a entrega de armas se se lanzaba contra as áreas poboadas da cidade. Pouco despois confirmouse que Biden programaba autorizar unha venda de máis de 900 millóns de euros en armas aínda que Israel reitera que intensificará a ofensiva.

Nos Estados Unidos, a ruptura no seo do Partido Demócrata de Biden é cada vez máis evidente, nunha cuestión que pode ser determinante nas eleccións presidenciais de novembro. Un grupo de lexisladoras e lexisladores da formación obviou a posición da dirección e apoiou xunto aos republicanos unha proposta na Cámara baixa que impediría a Biden conxelar axuda militar aprobada polo Parlamento para Israel, consolidando un choque entre este sector e o que defende a fin do xenocidio que se está a espallar até nas bases do partido.

Á parte do ataque contra Rafah, Israel tamén ten en marcha un novo asalto contra o norte de Gaza que obrigou a fuxir 100.000 persoas e que se centra agora no campo de refuxiados de Jabalia. Isto levou ao esgotamento da auga e dos alimentos na zona.

“Os tanques e os avións están arrasando cos barrios residenciais, cos mercados, as tendas, os restaurantes, todo”, e isto “está sucedendo ante o mundo”, detallou Ayman Rajab, residente en Jabalia, á axencia Reuters. “Entrementres, os americanos vannos conseguir algo de comida; non queremos comida, queremos que esta guerra remate e entón poderemos xestionar as nosas vidas pola nosa conta”, resolveu.

Á vez, o Exército sionista trasladou que atopou os corpos de tres persoas israelís que estaban en Gaza desde a operación da resistencia palestina do 7 de outubro.

En paralelo, a Liga Árabe arremeteu contra Israel por obstaculizar as negociacións de alto o fogo, a pesar de que Hamás aceptou unha proposta de tregua, e instou á despregadura de forzas da ONU até que se constitúa un Estado palestino sen ocupación.

Israel deféndese no tribunal da ONU aseverando que non é un "xenocidio"

Durante a segunda xornada de audiencias da Corte Internacional de Xustiza a raíz da petición de Suráfrica para que ordene un alto o fogo pola deterioración da situación en Gaza, Israel apuntou a sexta feira que non está a perpetrar un xenocidio, acusando o Goberno surafricano de presentar a demanda para “obter vantaxe militar para o seu aliado, Hamás”, e definindo as masivas violacións do dereito internacional rexistradas na Faixa como “incidentes excepcionais”.

O Estado sionista de Israel tamén aseverou que conta cos “mecanismos necesarios” para investigar estas denuncias. O día anterior, Suráfrica debullou que “as probas” constatan que “a magnitude da matanza en Gaza é moito maior” que en Ucraína, excedendo “as necesidades da guerra”, e citou un soldado israelí que afirmou que as supostas zonas seguras de evacuación deseñadas por Israel -e que foron atacadas múltiples veces- en Gaza son para as tropas sionistas “zonas de exterminio”. Máis de 35.000 persoas foron asasinadas por Israel no territorio palestino desde outubro.

Ademais, no marco do incremento do antisemitismo desencadeado tras a agresión militar israelí, que persoas expertas da ONU cualifican de xenocidio, e a tentativa de Netanyahu de presentar o Estado como representativo das persoas de relixión xudía no mundo, a Policía francesa matou a sexta feira unha persoa que, sostén, buscaba incendiar unha sinagoga en Ruán, no noroeste de Francia. Á vez, en Suecia a Policía abriu unha investigación por un tiroteo na área de Estocolmo na que se atopa a embaixada israelí.

Nós Diario ofrece en aberto todos os contidos de actualidade relacionados coa agresión israelí contra Palestina.

Comentarios