Balonmán O Porriño e Atlético Guardés debutan na Copa da Raíña

Xogan ante Valladolid e Bera Bera, respectivamente.
As porriñesas queren o título. (Foto: Balonmán O Porriño).
photo_camera As porriñesas queren o título. (Foto: Balonmán O Porriño).

Tanto O Porriño como Atlético Guardés, os dous representantes da Galiza no máxima categoría do balonmán feminino estatal, lograron neste 2024 fechar a súa clasificación para unha Copa da Raíña que comeza tan cedo como esta sexta feira no Donostia Arena da capital guipuscoana.

O sorteo realizado no Aquarium de San Sebastián deparou que a escuadra porriñesa rete ás 16 horas de hoxe o Caixa Rural Aula Valladolid, mentres que a arraiana colidirá coa anfitrioa e vixente campioa do torneo do KO, Súper Amara Bera Bera.

Este último é quen, sobre o papel, o ten máis difícil para avanzar de rolda e así tratar de rematar coa maldición dos galegos nunha Copa da Raíña que nunca logrou levantar un conxunto do país.

Alén da teórica superioridade deportiva e a condición de local das vascas, non contribúe ás opcións do Guardés de pasar de rolda a inestabilidade que o rodea nos últimos tempos, que tivo o seu cumio cando cesou a súa adestradora, Cristina Cabeza, a catro días de xogar co Bera Bera.

Consciente da súa situación, a sucesora de Cabeza no cargo, a portuguesa Ana Seabra, sinalou na rolda de prensa que ofreceu antes de pór rumbo a Euskadi que tanto ela como as súas xogadoras encaran a Copa para "gozar de cada minuto do torneo" como obxectivo primordial. "Sabemos que imos ter moitas dificultades, como durante toda a tempada, pero temos moitas ganas de facer un bo partido e aproveitar a oportunidade", engadiu.

Maís doado para os intereses do balonmán da Galiza semella, na teoría, o Valladolid-O Porriño. Porén, a formación pucelana, subcampioa en 2019 e 2021, venderá cara a súa pel, e os precedentes da Liga Guerreiras, cun triunfo para cada un dos contendentes, que remataron separados por tan só dous puntos, garanten emoción até o final.

Comentarios