Contracultura

Xosé Luís Mosquera, escritor: "É moi difícil non ser un híbrido, non mesturar o mundo que somos e o mundo no que vivimos"

Xosé Luís Mosquera (Guísamo, Bergondo, 1961) vén de facerse co Premio Johan Carballeira de Poesía, convocado anualmente polo Concello de Bueu, polo seu traballo Trece maneiras de mirar un almanaque.
O profesor Xosé Luís Mosquera é doutor en Xeografía e Historia e autor de varios libros de poesía (Foto: Nós Diario).
photo_camera O profesor Xosé Luís Mosquera é doutor en Xeografía e Historia e autor de varios libros de poesía. (Foto: Nós Diario).

—Cal foi o xerme de Trece maneiras de mirar un almanaque?
É unha pregunta complicada porque, supoño, a meirande parte da xente que escribimos acabamos por vérmonos metidos en algo que non sabemos como comezou. É algo que te arrastra e que vai tirando mentres sexas quen de seguir. 

O que xera que escribas sobre algo adoita ser azaroso, ás veces é algo que ves ou que escoitas, outras veces é unha idea, algo que te atrae ou unha irritación. Este texto está vinculado a un poema do autor norteamericano, Wallace Stevens, titulado Trece maneiras de mirar un merlo. É un poema que sempre me pareceu moi fondo e interesante para volver sobre el. Reflexiona sobre o paso do tempo, o efémero, o amor... E nun momento determinado acendeuse un camiño por aí e acabou sendo este texto. É o único que podo dicir. 

—En moitas ocasións, dese xerme orixinal ao que acaba sendo hai moita evolución.
Evidentemente. É un tópico entre autores e autoras que falan dos seus procesos creativos: contan como é o propio texto o que te arrastra e que ti vas descubrindo. Ti es como o primeiro lector dese texto que se vai descubrindo. Tamén che fai dar voltas e voltas e por iso todo acaba mudando.

—O xurado salientou a integración de múltiples rexistros textuais e culturais. Está relacionado con ese deixarse levar polo texto?Si. E tamén ten moito que ver coa forma de ser dun e de como ve o mundo. Cada persoa escribe desde si mesma. Supoño que é moi difícil non ser un híbrido, non mesturar o mundo que somos e o mundo no que vivimos. Hoxe en día calquera persoa pode entender que somos como fomos sempre -comemos, durmimos, amamos-, mais temos televisión, Whatsapp, influencias de distintos medios... E iso é o que somos tamén. 

Cando escribes é difícil escapar destes aspectos. Tes que mesturar á forza porque estás vivindo neste mundo. Claro, que vou dicir eu? Esta é a miña forma de ver o mundo e de escribir.

A poesía, se é que podemos definila dalgunha maneira, é o que te permite colocar todo iso sen ningún tipo de reparo. Non é como unha novela ou un ensaio, que dalgunha maneira te centra máis e limita en certo sentido, aínda que non sei se hai algo xa que teña límites. Con todo, na poesía tes esa liberdade de ir saltando no espazo ou no tempo. Escribes hoxe e mañá, sendo distinto e, polo tanto, escribindo distinto, mais todo está dentro do mesmo poema. 

—Cre que agora é máis difícil definir a poesía que antes?
O que si é certo é que tal vez se fai máis evidente. Se nos sentamos e miramos un pouco, descubrimos que non é algo novo. Se imos ás vangardas de hai cen anos, vemos como xa se desenvolvía unha perfomatividade. Dábanlle á poesía un espazo de provocación, manifesto nos cabarés, mais tamén na rúa.

Xogaban coas tipografías, as onomatopeas... O que pasa é que hoxe en día dispomos de moitos outros recursos. Hoxe, no medio dun verso, podes deixar unha ligazón a unha web ou un código QR para facer referencia a unha canción que podes escoitar nese momento. Temos armas que antes non había, pero a intención e o camiño xa estaba aberto. Atrevémonos máis e probabelmente hai un maior predominio desta forma de entender a poesía, aínda que convive coas outras. 

Segue habendo xente que escribe poesía como a escribían no século XVII, precisamente porque a poesía pode estar concibida e feita desde calquera proposta.

Comentarios