Os murais de Urbano Lugrís na rúa Olmos da Coruña serán patrimonio público galego

A Xunta da Galiza adquirirá os murais de Urbano Lugrís localizados nos números 25 e 27 da rúa Olmos da Coruña tras presentar no Xulgado Mercantil número 3 da Coruña a resolución para exercer o dereito de tenteo.
'Homenaxe aos músicos e poetas do mar', cadro de Urbano Lugrís (Foto: Urbano Lugrís).
photo_camera 'Homenaxe aos músicos e poetas do mar', cadro de Urbano Lugrís (Foto: Urbano Lugrís).

A Xunta da Galiza adquirirá os murais de Urbano Lugrís localizados nos números 25 e 27 da rúa Olmos da Coruña tras presentar no Xulgado Mercantil número 3 da Coruña a resolución para exercer o dereito de tenteo, segundo informou o Goberno galego.

A Consellaría de Cultura exerce así o seu dereito de adquisición preferente, recollido na Lei de Patrimonio Cultural para aqueles bens que contan co máximo nivel de protección, igualando a oferta de 36.000 euros feita por unha particular.

O obxectivo desta adquisición, sinala o Executivo da Galiza, "é protexer e restaurar o conxunto mural para polo ao dispor da cidadanía". Para iso, o Goberno galego avaliará a posibilidade de trasladalos ao Museo de Belas Artes da Coruña, "tendo en conta o interese común por manter as obras na cidade, a importancia de que non se disgreguen e se manteñan xuntas no futuro, así como a posibilidade de que sexan públicas, garantindo o acceso á cidadanía en calquera situación".

O Diario Oficial da Galiza publicou en marzo a incoación para declarar Ben de Interese Cultural (BIC), na categoría de monumento, os murais de Urbano Lugrís da rúa Olmos da Coruña. A Administración galega iniciou así o procedemento para outorgarlle a máxima protección patrimonial ao conxunto mural do pintor coruñés despois de recibir os informes realizados polos técnicos da Xunta e do Concello da Coruña.

Á hora de incoar o expediente - o que supón xa a protección inmediata do ben – o persoal técnico da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural valorou que as obras que compoñen o conxunto mural "merecen formar parte do patrimonio cultural máis significativo da Galiza pola súa calidade e contexto artístico e para garantir a súa conservación e proxección cara ás futuras xeracións".

Ducia de pezas

O conxunto mural da rúa Olmos está composto por unha ducia de pezas que formaban parte do antigo local de hostalaría que ocupaba o baixo e primeiro de ambos os inmóbeis. O pintor deseñou estas pinturas para o Restaurante Fornos, un popular local que xa existía no século XIX.

Trátanse de pezas que presentan diferentes estados de conservación e nas que se representan estampas como a mariña coruñesa, fondos mariños con peixes, algas, sirenas ou medusas; motivos mariñeiros como barcos, veleiros, áncoras ou galeóns ou panorámicas da cidade, entre outros temas.

Comentarios